O BNG pide a retirada do borrador da Lei de solo do Partido popular por “caduca”

Rolda de prensa da deputada Ana Pontón

Ana Pontón presenta as propostas para un urbanismo “ordenado e social” contrario ao modelo caduco de cidades do Partido popular como “depósitos de vehículos”

Rolda de prensa da deputada Ana Pontón

A deputada do BNG, Ana Pontón presentou, hoxe ante os medios de comunicación, as conclusións da Comisión de estudo da nova Lei do solo, da que dixo, naceu “viciada” polo Partido popular e a consellería que dirixe Agustín Hernández e “furtou o debate sobre un urbanismo diferente para Galiza”.

A deputada remarcou a función social que debe garantir a nova lei cuns “mínimos de reservas de solo para vivenda pública, zonas verdes e equipamentos sociais” e coa flexibilidade suficiente para permitir aos concellos apostar por modelos de crecemento alternativos contra o modelo “caduco de cidades como depósitos de vehículos” como defende o PP

A deputada pediu a “retirada” do borrador por que non representa unha solución e empeora a “situación caótica” do urbanismo, introducindo cambios para liberalizar e desregularizar o solo, de maneira moito máis acusada no caso do rústico.O proxecto, dixo “vai na dirección encetada por Aznar no ano 97 con consecuencias desastrosas” .

O traballo en ponencia constatou a falta de vontade do Partido popular para acadar algún acordo, “a ponencia, explicou, reunise en dúas ocasións e non superamos os 10 minutos” presentando o PP unhas propostas que trasladou como “resolucións” da comisión.

A oferta de dialogo do PP, unha nova farsa

Pontón criticou a falta de interese do Partido popular para consensuar algún aspecto da futura lei, a oferta do conselleiro de Ordenación do Territorio, afirmou, “foi unha farsa”. Para o BNG, a situación urbanística en Galiza “é moi grave” e funciona mal cunha normativa que non resolve os problemas, de aí a necesidade de buscar un marco “radicalmente novo” axeitado á realidade galega.

Para a deputada, a nova lei debe apostar polo respecto ao patrimonio edificado, aplicar as tres RRR: Reutilización, Recuperación e Reciclaxe así como frear as “desfeitas uniformadoras” contrarias á tradición galega.

Ana Pontón

A parlamentaria tamén defendeu “non expulsar á poboación autóctona” sustituindoa por sectores de gran poder adquisitivo polo que reclamou regular o dereito “ao realoxo” destas persoas ante operacións urbanísticas.

Asemade, entre as propostas do BNG figuran: apoiar as persoas sen recursos para iniciar obras de rehabilitación, a conservación e mellora do territorio con vilas e cidades máis compactas, preservar os aspectos ecolóxicos e mediambientais, delimitar as zonas non susceptíbeis para o urbanismo, protexer a superficie agraria e articular medidas de protección para zonas agrícolas.

Pontón tamén defendeu incrementar a “participación pública e a transparencia na planificación urbanística”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG