BNG pide paralizar cautelarmente as obras na ponte de Ponte Nafonso para evitar un atentado ao patrimonio histórico

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez defendeu repoñer o peitoril de pedra orixinal para manter as súas características propias e singulares

O Partido popular votou en contra das propostas defendidas pola deputada nacionalista

A deputada do BNG, Rosana Pérez pediu hoxe na comisión de Educación e Cultura “paralizar cautelarmente as obras na Ponte Nafonso” e buscar unha alternativa respectuosa co patrimonio para a canalización do cableado de Telefónica. Ademais, propuxo repoñer o “peitoril de pedra orixinal” para recuperar o valioso e asegura as súas características propias e singulares.

Na defensa da proposta, a nacionalista explicou que as obras na ponte medieval, entre os concellos de Outes e Noia, foron adxudicadas pola Consellaría de Infraestruturas no mes de xuño e cun prazo de seis meses co fin de rematar co estado de abandono, sen embargo, as actuación sobre a ponte, en opinión da nacionalista “distan moito de ser integrais e respectuosas co patrimonio galego” e estanse a converter “nunha chapuza de 600.000 euros” como xa expresou o historiador da zona, Xan Mariño.

Rosana Pérez recalcou que o proxecto exclúe, “inexplicabelmente” a reposición do vello peitoril de pedra orixinal, que foi retirado no século XIX para ensanchar a ponte e permitir o paso de vehículos, esa  agresión patrimonial que tivo lugar coa substitución do peitoril de pedra por unha varanda de ferro, perpétrase de novo no proxecto actual.

Tras retirar o asfaltado que cubría a ponte, engadiu a nacionalista, “saíu á luz a existencia dunha gabia de formigón no centro que canaliza o cablaxe de teléfono  de toda a comarca”. Ao seu xuízo, non ter contemplado a existencia das tubaxes e non  paralizar as obras e buscar unha alternativa, dixo, obedece “a desidia” e desprezo da Xunta polo ben que se pretende reparar, e co amparo  do organismo que debe velar polo mantemento e conservación dos ben catalogados.

A deputada denuncio que os técnicos xustificaron as obras da ponte en que se estaba a actuar na parte da ampliación de finais do XIX e principios do XX, un “argumento peregrino” en opinión da nacionalista.

Rosa Pérez preguntou como se vai abordar “o erro” porque a solución aportada é elevar  o adoquinado por riba dunha  capa de formigón, de xeito que as varandas de ferro tamén se teñen que elevar coa axuda dunhas novas columnas de pedra e  por enriba dos apartadoiros dos tallamares. Esta solución permite non modificar o orzamentos pero “sacrifica 700 anos de historia” co fin de non obrigar a  Telefónica a retirar o cableado que pasa polo medio da ponte.

A realidade, afirmou a deputada é que “queda  desbotada  a reposición do vello peitoril de pedra orixinal, non se contempla no proxecto a gabia co cableado de telefónica e, unha vez que se descobre, tampouco se fai nada para corrixir un erro anterior.” Todo isto, reiterou, botando unha capa de formigón para tapar o erro e faltando á rigorosidade e ao coidado que se debera extremar nun ben patrimonial  da Idade Media.

O BNG presentou unha primeira iniciativa no propio mes de xuño, cando se adxudicou a obra, solicitando a reposición do peitoril de pedra orixinal. Tamén nos diriximos por escrito  a Patrimonio solicitándolle unha explicación sobre os criterios empregados e solicitamos paralizar as obras e un estudo pormenorizado da situación, estudo que “aínda estamos agardando”.

 

A Xunta de Galiza non pode seguir avanzando neste despropósito e debe “paralizar cautelarmente as obras, buscar unha alternativa ao  caleado telefónico e reconsiderar a reposición do peitoril de pedra orixinal porque é necesario recuperar este ben patrimonial”, concluíu.

 

O Partido popular rexeitou as propostas defendidas pola deputada nacionalista, Rosana Pérez.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG