O BNG pide no Congreso unha investigación a fondo do sinistro marítimo do "Mar de Marín"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demandan ao Goberno que se realice unha investigación en toda regla para esclarecer as causas do sinistro marítimo na Ría de Vigo, sucedido na madrugada de onte martes.

As deputadas do BNG poñen da manifesto que “a Ría de Vigo foi cenario dun terríbel accidente marítimo que ninguén se explica, e que deixou en shock á sociedade galega”. Relatan as parlamentares nacionalistas os feitos sucedidos ás 2.45 horas da madrugada de onte martes 1 de abril cando o barco pesqueiro “Mar de Marín” impactaba contra o cargueiro de bandeira de Singapur, “Baltic Breeze”.

Lamentan Davila e Rosana Pérez a morte de tres traballadores do mar e outros dous que permanecen desaparecidos. E lembran que é o segundo suceso destas características en menos dun mes no que morren mariñeiros galegos.

Interrogantes que deben ser clarificados

As deputadas do BNG piden ao Goberno unha investigación a fondo porque existen unha serie de interrogantes, “claroscuros e contradicións que se deben clarificar”. Consideran que non poden voltar a suceder sinistros marítimos tan tráxicos e que se debe chegar ao fondo das causas para evitar máis accidentes deste estilo.

Por iso dirixen unha batería de preguntas ao Goberno para que explique como foi posíbel este accidente: “Como se explica tanta traxedia no mar en tan pouco tempo? Pode o Goberno explicar se o pesqueiro “Mar de Marín” navegaba pola canle de navegación correcta? E o cargueiro, levaba a traxectoria adecuada? Cal dos dous barcos navegaba na direción errónea?”.

Ademáis queren saber a que hora recibiu a Capitanía Marítima a voz de alarma da tripulación do pesqueiro e cal foi o contido da conversa. “Alertouse ao pesqueiro de que debía cambiar o rumbo con urxencia? Había tempo para realizar esa manobra? Qué sucedeu? Por que razón o “Mar de Marín” virou a babor cando tiña que facelo a estribor?”.

Hai que evitar máis sinistros marítimos

As parlamentares nacionalistas queren saber se ambas embarcacións contaban con todos os requisitos técnicos exixidos e coas revisións pertinentes. E preguntan canto tempo vai tardar a investigación e cando se poderán coñecer as conclusións.

Ante a gravedade dos dous últimos sinistros marítimos, as parlamentares nacionalistas preguntan ao Executivo que medidas vai adoptar para reforzar a seguridade no mar.

E con carácter xeral, dirixen outra serie de preguntas sobre as tripulacións mínimas a exixir, se existen controis sobre as xornadas laborais dos traballadores do mar e se respectan os necesarios descansos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG