O BNG defende un sector naval con futuro en Ferrol e comarca, e para iso propón que se aproveite todo o potencial dos estaleiros de Navantia sen limitarse á actividade militar, senón apostando tamén polo mercado civil e de reparacións.
“Queremos un sector naval con futuro que non sexa dependente da construción militar porque sería irresponsable renunciar a todo o potencial do sector”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “noutras palabras, defendemos un naval que tamén aposte pola construción civil, polo desenvolvemento tecnolóxico e pola I+D+i”.
Para sacar adiante esta aposta de país só fai falta “vontade política”, como en Cádiz, que a día de hoxe ten carga de traballo civil. “Se é posible en Cádiz tamén ten que ser posible en Ferrol, e non imos aceptar vetos encubertos á capacidade produtiva deste país”, recalcou a dirixente do Bloque, “pero para iso a Xunta ten que implicarse e gobernar”.
Entre outras cuestións, Pontón instou ao presidente da Xunta a cumprir a Lei de Fomento do naval en vigor desde hai nove anos que, entre outras cuestións, incluía a participación do Goberno galego no consello de administración de Navantia “para poder participar na toma de decisións nun sector estratéxico”.
De feito, Pontón denunciou que está en risco a posibilidade de que se constrúa un ferry por encargo do estaleiro Barreras, que pretendía derivar a Ferrol unha parte da súa carga de traballo: “Parece que se queren poñer problemas para conseguir máis carga de traballo”. A isto súmase que tras o publicitado contrato das F-110, o inicio efectivo da construción se aprace ao 2021 e só cunha fragata. “Fainos temer que a carga de traballo sexa moi inferior a que se anunciou”, advirte.
A líder do Bloque denunciou o incumprimento sistematico con Ferrol, “como o famoso centro de reparacións prometido por Feixóo fai case unha década e do que nada se soubo”, síntoma do “desleixo” do Executivo do PP “que non quere aproveitar o potencial da construción naval en Galiza”.
“O que non é de recibo e que, de novo ás portas dun proceso electoral, veñan vendernos moito fume que veremos en que queda”, indicou en relación ás F-110, tras lembrar anteriores anuncios en véspera de citas coas urnas que quedaron en nada.
“Feixóo vendeunos o suposto contrato con PEMEX como a salvación do sector naval galego pero que quedou reducido á mínima expresión,e esperamos que agora que está de novo nas Américas non nos volva traer de Miami un novo contrato que acabe sendo foguetería electoral”, ironizou.
Pontón avanzou que o BNG vai levar ao Parlamento unha batería de iniciativas a favor do sector naval de Ferrolterra, como a creación dun centro tecnolóxico do sector naval, “capaz de establecer sinerxías entre empresas, administración e universidade”, e reclamar o cumprimento da Lei de fomento do naval.
Tomadura de pelo
Pola súa parte o portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Iván Rivas, cualificou de “tomadura de pelo” o plan estratéxico de Navantía porque suporá unha menor actividade. Rivas dixo “sentir vergoña allea” polo papel xogado por responsables políticos das forzas estatais aplaudindo un plan que implicará un 25% de despedimentos e o incremento das subcontratacións.
Lonxe de potenciar o sector naval de Ferrolterra, “a pretensión é converter Navantia nunha mera marca”, denunciou, “xogan con esta cidade embaucando con ideas como a do estaleiro 4.0 e presentando un plan que consiste en botar traballadores á rúa”.
O portavoz municipal advertiu que o obxectivo é “desmantelar o principal sector produtivo da cidade”, a diferencia do que se está a facer noutras partes do Estado. Neste sentido, parabenizou ao sector naval gaditano “por ter do seu lado ao seu alcalde e ao goberno local”, nas antípodas do que sucede en Ferrol onde prima “a submisión dos responsables políticos das forzas estatais” ante unha nova reestruturación do naval.