O BNG pide ao Goberno que aclare "o baile de números" sobre os contratos de floteis con Pemex

A deputada do BNG, Rosana Pérez, e a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentaron unha pregunta no rexistro da Cámara dirixida ao Ministro de Industria para que concrete “definitivamente, cal é a cifra de posíbeis floteis de Pémex a construir polos estaleiros galegos”.

“Asegura o Goberno que se trata de dous floteis? Dado que a adxudicación dos contratos dos floteis de Pemex aínda ten que pasar o trámite da avaliación dunha licitación pública internacional, Qué garantías ten o Goberno de que os floteis se vaian construir nos estaleiros galegos, posto que están pendentes trámites intermedios?”.

Estas son algunhas das preguntas que as deputadas do BNG dirixen ao Goberno dada a polémica suscitada polas declaracións do Ministro Soria, dicindo que aos estaleiros galegos farían só un dos floteis. A pesar dos desmentidos posteriores, as parlamentares nacionalistas consideran que o Goberno “está a xogar con este importante tema para Navantia e para estaleiros da Ría de Vigo”.

O PP non ten política industrial

“Foi unha promesa de carga de traballo da que Feijoo presumiu na campaña eleitoral de 2012. Máis dun ano após, os contratos de Pemex seguen a demorarse no tempo unha e outra vez”, lamentan Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila. E engaden que “desde que se anunciaron estes contratos hai xa máis dun ano, só puidemos asistir a unha catarata de declaracións públicas confusas, nada claras, e cheas de contradiccións”.

Critican as deputadas do BNG “este serial por entregas que leva máis dun ano a voltas. Mentras, as factorías de Navantia en Ferrol quedarán sen carga de traballo en tres semanas, comprometendo seriamente o seu futuro sen que o Goberno pareza sofrir ningún tipo de estrés. De igual xeite sucede cos estaleiros privados da Ría de Vigo, pendentes de que se solventen definitivamente o tema da contía a devolver pola aplicación do anterior Tax Lease e afectados pola falla de financiamento necesario para poder efectivizar contratos”.

Para Rosana Pérez e Davila a “política industrial do Goberno non pode ser máis nefasta, por non dicer nula”. Por iso dirixen unha batería de preguntas ao Executivo: “Cando calcula o Goberno que estarán listos os contratos de Pemex? Cal é a tramitación para iniciar a construcción dos floteis? É consciente o Goberno da situación extrema pola que atravesan os estaleiros de Navantia?”.

Ademáis, as parlamentares nacionalistas queren que o Ministro de Industria explique que política comercial emprendeu con carácter urxente para lograr carga de traballo para o sector naval.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG