O deputado do BNG, Luís Bará preguntou hoxe, novamente, polas xestións realizadas dende o 17 de outubro de 2017 para garantir o futuro da empresa Maderas Iglesias na zona sur da provincia de Pontevedra e lamentou que despois do tempo transcorrido , “a Xunta siga sen dar pasos” polo que reclamou do titular de Industria, Francisco Conde unha reunión cos traballadores e traballadoras para buscar unha solución ao conflito.
Os traballadores de Maderas Iglesias non se renden
O parlamentario, tras saudar aos representantes dos traballadores e traballadoras presentes no debate na tribuna de convidados explicou que Maderas Iglesias, é “unha empresa punteira no sector da tarima flotante”, e con máis de 800 traballadores e traballadoras. Na actualidade, explicou reduciu o seu cadro de persoal a 250 persoas e factura 16 M€ e aínda así, recalcou, segue sendo unha das empresas máis importantes do sector no sur da provincia de Pontevedra. Bará remarcou que os traballdores e traballadoras non están dispostos a tirar a toalla e seguirán loitando por manter os seus postos de traballo porque “non se renden”.
O nacionalista aludiu á recente aprobación “por unanimidade”, á instancias do BNG, dunha proposición instando ao goberno galego a realizar accións necesarias ante a dirección de Maderas Iglesias para “garantir a continuidade da empresa, manter o emprego e velar polos dereitos laborais” e despois dese acordo parlamentario, vostede, recalcou , “non fixo nada”.
Pola súa parte, o conselleiro de Industria despachou a pregunta do deputado do BNG sen o compromiso de reunirse cos traballadores como lle solicitara o nacionalista e delegou a solución do conflito a establecer “un dialogo” entre a empresa, acredores e traballadores.
Bará reiterou a súa petición dunha reunión cos traballadores e traballadores con Conde e anunciou que o BNG seguirá presentando iniciativas parlamentarias cara unha solución que debe pasar por “buscar un novo inversor, pararlle os pes ao empresario e garantir os postos de traballo”.