A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou a satisfacción pola denegación da extradición do rapeiro Valtonyc por parte da xustiza belga ao considerar que as letras das súas cancións son liberdade de expresión. “Desde o BNG consideramos unha moi boa nova que Bélxica se comporte como un Estado democrático no que defenda o dereito á liberdade de expresión, fronte a situación que se produce no Estado español”, destacou.
A xustiza belga rexeitou a euro orde de detención e entrega cursada polo Estado español contra o rapeiro mallorquín ao considerar que ningún dos tres delitos polos que lle reclama a xustiza española – ameazas, enaltecemento do terrorismo e inxurias á coroa – constitúen delito en Bélxica.
Neste sentido, Ana Miranda avanza que desde a Comisión de Liberdades do Parlamento Europeo, da que é membro a eurodeputada do Bloque, loitará para que estas diferenzas non repercutan no menoscabo do dereito á liberdade de expresión nos diferentes Estados Membros da UE. “Non podemos quedar de brazos cruzados perante o retroceso nos dereitos que levamos vivido nos últimos anos no Estado español”, defendeu a eurodeputada nacionalista.