O BNG non participará na xornada que organiza a Xunta do PP sobre a reforma municipal de Galiza e que se celebrará en Santiago o vindeiro 19 de setembro, por considerala machista e inxustificable e para non ser cómplice do intento da Xunta do PP de silenciar as mulleres.
A responsable de acción feminista do BNG, Noa Presas, considera “un escándalo machista e absolutamente inxustificable” que a Xunta “se atreva” a organizar unha xornada sobre reforma local sen contar con ningunha soa muller, nin entre as persoas que participan como expertas nin tampouco entre as que son representantes institucionais, e lamentou que a única que está incluída no programa -a directora xeral de Administración Local- “sexa para facer de presentadora”.
“É absolutamente denigrante para todas as mulleres deste País e demostra un Partido Popular machista e desatado, porque o alcalde de San Sadurniño e vicepresidente da Fegamp comunicou esta situación como un escándalo, pediu que se rectificase e non foi corrixido, en pleno século XXI”, afirmou.
Presas fixo estas declaracións despois de que o alcalde de San Sadurniño e vicepresidente da Fegamp, Secundino García Casal, declinase o convite da Dirección Xeral de Administración Local para participar nunha mesa sobre as fusións como posible solución aos problemas dos pequenos concellos. O rexedor nacionalista amosou a súa “sorpresa” ao comprobar que, no programa destas xornadas, as mesas estaban formadas exclusivamente por homes, agás nunha delas na que a propia directora xeral de Administración Local fai de presentadora e moderadora.
“Eu non podo ser cómplice dunha anomalía deste tipo, unha anomalía que silencia e oculta ás mulleres que hai na política local galega, mulleres todas elas moi válidas e que podían formar parte dunha mesa exactamente igual. Entendemos que os xestos son importantes e isto obrígame a renunciar a participar”, argumentou.
García xa remitiu á Dirección Xeral de Administración local unha carta na, ademais de declinar o convite, quixo destacar a fortuna de ter neste País “mulleres ocupando alcaldías de concellos de todos os tamaños e cores políticas con capacidades para formar parte desta mesa de debate” e asegurou non entender “o motivo polo que desde esa dirección xeral non se tivo isto previsto”.