A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai aplicar a insubmisión ante a instrución da Xunta Electoral Central (XEC) coa que se pretende limitar o dereito a voto das persoas con discapacidade, ao deixar en mans de calquera persoa da mesa electoral, interventores ou apoderad@s a potestade de decidir se unha está ou non capacitada para votar.
“Parécenos inconcibible que a Xunta Electoral Central cuestione o exercicio do dereito a voto recollido pola ONU e de aí o compromiso do BNG a declararnos insubmisas a aplicación desa instrución que consideramos atenta contra o dereito das persoas con discapacidade”, subliñou Pontón tras un encontro coa dirección da Fundación Down Galiza. “Ningunha persoa nunha mesa electoral debe estar facultada para decidir quen pode ou que non pode votar, porque é unha aberración democrática”.
“Non podemos permitir ningún retroceso, e o BNG ten un compromiso non só para non anotar a ninguén en ningunha lista, porque o das listas negras remiten a outros tempos, senón que tamén temos ese compromiso de insubmisión, de tal xeito que se vemos nalgunha mesa electoral que alguén pretende anotar os datos dalgunha persoa con discapacidade que exerceu o seu dereito a voto denunciaremos eses feitos ante o xulgado porque entendemos que o que se está facendo e coaccionar e cuestionar o dereito a voto de persoas que o teñen recoñecido a través da súa presenza no censo electoral”, salientou Pontón.
A líder do Bloque expresou ou seu “orgullo” polo feito de que fosen dúas mulleres galegas, a nai dunha nena con síndrome de down e a súa avogada, as que lograsen tras unha longa loita modificar a lei electoral española para incluír o dereito a voto das persoas discapacitadas, abrindo as urnas por primeira vez a 100.000 novos e novas electoras o 28A.
Por iso, a instrución da XEC que pretende limitar este dereito é inadmisible. “Que haxa unha instrución que cuestione a capacidade para votar de persoas que figuran no censo electoral é un disparate, un feito moi grave inaudito nunha democracia que se considere avanzada”, indicou Pontón, quen lembrou os tempos en que con argumentos similares se lles negaba o voto ás mulleres.
“Como muller síntome reflectida porque os mesmos argumentos que se están utilizando agora para cuestionar o dereito a voto das persoas con discapacidade eran os que se usaban no seu momento para dicir que as mulleres non podíamos votar”, denunciou.
O Bloque pide a rectificación urxente da XEC: “Ten que rectificar esa instrución que ninguén lle pediu, que non tiña ningunha obriga de facer e que cuestiona o que di a convención da ONU e foi trasladado á lei electoral, un disparate que deixa en moi mal lugar a unha XEC que da a sensación de que pensa que está por riba da lei”, concluíu.
Ao encontro coa dirección da Fundación Down Galiza e coa nai e a avogada que levaron o caso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, tamén asistiu o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, e a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín.