O BNG na masiva manifestación en Pontevedra en defensa dos preferentistas

O portavoz nacional do BNG participou, xunto con outros representantes do BNG como o alcalde pontevedrés, ou o portavoz no Parlamento galego, na masiva manifestación convocada en Pontevedra en apoio aos milleiros de afectados polas participacións preferentes e subordinadas.

Ao inicio da protesta Vence afirmou que “o BNG continúa apoiando aos afectados pola estafa das participacións preferentes e subordinadas porque son vítimas dun roubo legalizado polo PP através do Real Decreto que estabelece unhas quitas absolutamente inxustas”.

“Non pode admitir quitas quen foi enganado e estafado e ten dereito á devolución íntegra do que investiu. Non podemos acreditar nen aceitar a lei do embudo, según a cal a parte estreita é sempre para os máis desfavorecidos, neste caso os preferentistas, e a parte ancha é para a banca que fai e desfai ao seu antollo co permiso do PP”, sinala o portavoz nacional do BNG. E engadiu que “a quita lla hai que aplicar á banca acreedora alemana que foi cúmprice irresponsábel da burbulla da banca española”.

Dada a situación que están a vivir os afectados polas preferentes ou as persoas que son desaloxadas das súas casas, para Vence “cobra máis sentido se cabe a campaña que está a levar a cabo o BNG contra a banca especulativa e contra a Troika. A banca rouba e os Gobernos do PP o permiten e o legalizan”. O BNG chama á cidadanía a “rebelarse contra ese espolio dos aforradores e contribuintes a beneficio dunha banca especulativa que estrangula a economía produtiva e a sociedade no seu conxunto”.

O Decreto das quitas debe ser anulado

O portavoz nacional do BNG afirma que os Gobernos do PP, “sexa central ou o da Xunta, participan dun auténtico espolio a miles de pequenos aforradores mentras dan azos aos especuladores e aos tiburóns financeiros”, e preguntouse “que castigo recibiu a banca, unha banca á que se lle agasalla con millóns de euros que pagamos todos e todas a cambio de nada: practican quitas aos preferentistas, abusos como as cláusulas solo das hipotecas, non dan crédito ás familias nen aos autónomos, e desaloxan á xente das súas casas”.

Nese sentido, demanda a derogación do Decreto das quitas.

Para Vence “só a movilización masiva de toda a sociedade, como a que onte protagonizou a comunidade educativa contra a LOMCE, pode parar unhas políticas destructivas e que só benefician aos poderosos en contra das maiorías sociais”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG