Parlamento Galego

BNG logra aprobar por unanimidade a realización dunha avaliación seria sobre a implementación do Programa EDIXGAL

Cristina Fernández Davila con ANPAS Galegas
Cristina Fernández Davila con ANPAS Galegas

Cristina Fernández Davila deixou en evidencia a mala implementación sobre a dixitalización nas aulas feita pola Xunta do PP nestes últimos once anos

"A dixitalización non pode ser un fin en si mesmo, senón unha ferramenta ao servizo da calidade educativa" salientou Davila

A portavoz de educación do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, logrou aprobar por unanimidade na Comisión 4.ª, Educación e Cultura a necesidade de realizar unha avaliación seria e obxectiva do Programa EDIXGAL tras once anos de implantación. Na súa intervención, Fernández Davila presentou os resultados da enquisa realizada por ANPAS Galegas, na que se constata un alto nivel de insatisfacción por parte das familias con este modelo de dixitalización educativa.

Segundo os datos extraídos da enquisa, a maioría das familias rexeitan o uso exclusivo de materiais dixitais nas aulas, especialmente nas etapas máis temperás, e denuncian a falta de información e participación no proceso de implantación do programa. Ademais, salientou a deputada nacionalista que o estudo pon de manifesto que “un elevado número de estudantes pasa entre 3 e 5 horas diarias empregando a plataforma”, sen que isto implique unha mellora na súa aprendizaxe nin na súa autonomía.

"Non podemos seguir avanzando nun modelo de dixitalización educativa sen analizar os seus efectos reais sobre o alumnado, o profesorado e as familias", sinalou Davila. A deputada do BNG tamén puxo en evidencia a falta de avaliacións institucionais sobre EDIXGAL e criticou a falta de apoio e formación específica ao profesorado para garantir un uso pedagóxico eficaz dos recursos dixitais.

O BNG exixiu ao Goberno galego que leve a cabo unha revisión exhaustiva do programa, contando coa participación de todos os sectores implicados. Entre as medidas propostas destacan mellorar a información que reciben as familias, integrar EDIXGAL na formación docente e reforzar a competencia dixital do alumnado dende unha perspectiva crítica e responsable. "A dixitalización non pode ser un fin en si mesmo, senón unha ferramenta ao servizo da calidade educativa. E para iso, é imprescindible escoitar ás persoas afectadas e avaliar con rigor a súa efectividade", concluíu Davila.

Desde o BNG insisten en que o modelo actual precisa unha reformulación para responder mellor ás necesidades educativas do alumnado galego e garantir unha dixitalización que realmente contribúa á súa formación integral.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG