O BNG logrou un acordo unánime do pleno do Parlamento para reclamarlle ao Goberno do Estado que modifique as condicións de poxa eléctrica de interrompibilidade que terá lugar a vindeira semana, para que poda participar ALCOA Coruña e conseguir un prezo da electricidade máis competitivo, máxime nun contexto de compravenda da factoría no que o custe enerxético é clave nas ofertas de compra.
“É un acordo positivo, aínda que agora tócalle ao Goberno de Pedro Sánchez mover ficha para incluír a Alcoa nesa poxa”, salientou a portavoz parlamentaria de Industria e autora da iniciativa, Noa Presas. Pero a deputada non escatimou críticas contra o PP e o PSOE que non apoiaron a outra proposta que o Bloque incluída na proposición non de lei: Abrir a porta a adquisición pública de ALCOA Coruña se chegado o día 30 de xuño non hai unha alternativa de compra que garanta a produción o os postos de traballo.
“Parécenos esperpéntico que se neguen a considerar esta opción cando están en xogo 400 postos de traballo, que máis ten que pasar para que estas dúas forzas deixen de poñer paus nas rodas vetando unha alternativa que permitiría darlle futuro a centos de empregos directos na Coruña?”, interpelou Presas.
O PP veto esta proposta do Bloque e o PSOE abstívose, nun pleno no que previamente a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitara a sesión de control ao presidente da Xunta para poñer enriba da mesa a alternativa da adquisición pública de ALCOA, como plan B por se o ultimato do 30 de xuño se salda sen unha solución de futuro para a factoría coruñesa.
En todo caso, indicou Presas, a formación nacionalista non vai tirar a toalla na busca dunha solución para ALCOA, ante un PP instalado na estratexia de culpar ao goberno central, sen máis alternativas que tirar balóns fora, nin ante un PSOE instalado no incumprimento sistemático das promesas feitas os traballadores e traballadoras.