O BNG logrou un acordo unánime do Parlamento polo que Xunta negociará co Goberno central unha redución dos billetes de tren que comunica Ourense con Santiago e A Coruña e acabar co que a deputada por Ourense, Noa Presas, cualificou de “estafa do Avant” á cidadanía ourensá ou a toda as persoas que se queiran desprazar ata a cidade das Burgas.
Durante a defensa da súa iniciativa, Presas botou man dos datos para denunciar unha “discriminación intolerable” cos residentes en Ourense capital e no conxunto da provincia, que pagan ata un 60% máis caro o billete do tren que, por exemplo, os e as usuarias do traxecto ferroviario do Eixo Atlántico.
“Un billete entre Ourense e Santiago custa 16,60€, fronte aos 11,10€ entre Santiago e ou os 7,35€ entre Santiago e A Coruña”, salientou, de feito “viaxar de Ourense a Coruña custa até 13 céntimos por quilómetro e de Ourense a Santiago ata 15 céntimos máis por quilómetro, mentres que o percorrido no Eixo atlántico A Coruña-Santiago-Vigo non pasa de 9 céntimos quilómetro”. “Se a comparación se fai por tempo, viaxar a Ourense sae a 0,4 céntimos minuto, case o dobre que entre Santiago e A Coruña, por exemplo”, argumentou.
Con estas tarifas, Presas fixo unha proposta concreta de redución mínima do 30% do prezo dos billetes do tren Avant que comunica Ourense con Santiago e A Coruña, que foi rexeitada polo PP, pero considera un avance o acordo para negociar co Estado “unha equiparación das tarifas en todo o territorio galego para evitar a actual e evidente situación de discriminación que se da en función de lugar de residencia”, como finalmente reza o acordo transaccionado e votado polo Parlamento.
A deputada ourensá tamén logrou sacar adiante a súa proposta para mellorar as condicións de uso dos bonos desconto. En concreto, dos abonos ferroviarios denominados tarxeta plus, tarxeta plus 10 e tarxeta plus 10 estudantes “para aumentar o seu período de uso” e corrixir o límite actual que converte estes bonos sexan inútiles para os e as usuarias que, na práctica, non poden beneficiarse de ningún desconto real.
Finalmente, a proposta tamén inclúe reclamar unha ampliación dos horarios na liña rexional Ourense-Santiago para mellorar a mobilidade da veciñanza das poboacións intermedias como O Carballiño ou O Irixo.
“Desde o BNG parabenizámonos por ter sacado adinte este acordo no Parlamento. Confeso que non é todo o ambicioso que propoñíamos, pero é un paso adiante para acabar coa estafa do Avant que soporta Ourense, pagando billetes de tren ata un 60% máis caros que nas cidades do Eixo atlántico. En Ourense non queremos privilexios, pero tampouco aceptamos discriminacións, e non temos porque pagar os billetes de tren, un servizo básico, máis caros que no resto do país”, indicou Presas.
A deputada tamén destaca a importancia de conseguir un acordo para mellorar os bonos desconto. “Non tiña nin pes nin cabeza, as condicións de uso, porque na práctica impedia un aforro real para os e as usuarias. E iso é o que o BNG propón cambiar con este acordo, ampliando o período de uso. Xa digo, non é todo o que como BNG propoñíamos para Ourense, pero é un paso importante para mellorar as condicións do transporte por tren”, sintetizaba a deputada.