O BNG esixirá no pleno do Parlamento o fin do agravio con Ourense no prezo e horarios de tren a Compostela

Estación de tren de Ourense (turismo.gal)
Estación de tren de Ourense (turismo.gal)

Noa Presas “Chamamos a ter unha posición de país para poñer fin á discriminación con Ourense e a que a Xunta saia do seu inmobilismo e demande esta prioridade a De la Serna”

O BNG cualifica de “abuso” que as e os ourensás paguen máis dun 60% do que calquera galego da franxa atlántica por un billete de tren.

Noa Presas, deputada por Ourense, compareceu en rolda de prensa para informar do cumprimento da formación nacionalista de levar ao Pleno do Parlamento Galego no inicio de ano. Presas informou de que “no Pleno da vindeira semana, cuxa orde do día se acordará esta mesma mañá na Xunta de Portavoces, o BNG ofrecerá ao resto de grupos un acordo para ter unha posición de país que sente a primeira pedra para poñer fin á discriminación con Ourense”.

A nacionalista recordou que segundo o INE “Ourense é a capital galega coa renda media salarial máis baixa do país, a provincia ten xa máis pensionistas que cotizantes á seguridade social e as pensións medias galegas son 2.000 euros ao ano menos do que a media do Estado. Porén, malia esta situación temos que soportar que o prezo do tren estea absolutamente disparatado, impedindo oportunidades laborais e de fixación de poboación para moitas persoas e isto é algo que unha cidade en extinción non se pode permitir”.

Para o BNG “non hai ningún motivo obxectivo para que as e os ourensás paguemos máis do dobre polo noso billete do que unha persoa de Vigo para ir a Santiago e menos aínda cando temos que ter en conta que Renfe obtivo máis de 66 millóns de euros en beneficios na primeira parte do ano”.

A formación nacionalista insistiu en que “é importante que o Parlamento acade este acordo para que sexa a prioridade a demandar desde Galiza para os Orzamentos do Estado de 2018 e impedir que Ourense non se beneficie dos recursos que se aproban en cada exercicio para as conexións ferroviarias declaradas como obrigas de carácter público”.

“Alguén ten que explicar por que se sae dos petos das ourensás diñeiro para eses máis de 937 millóns de euros que se destinan a estas liñas e nós temos que pagar máis do dobre que a maioría dos galegos” concluíu.

Incumprimentos con Ourense na Execución dos Orzamentos do Estado

No próximo pleno o BNG tamén interpelará á Xunta de Galiza sobre os incumprimentos do Estado. Neste sentido, Presas avanzou que “o BNG repasará os incumprimentos ao longo do país, xa que co dato máis recente do primeiro semestre ministerios como o de Fomento só executaran o 16% mentres Ourense ten que conformarse cun tren de segunda e uns prezos abusivos”. Neste sentido, Presas recordou que “en 2017 aumentou a recadación polo tanto recursos hai, o que non hai é vontade de deixar de discriminar Ourense”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG