O BNG leva a sinistralidade da frota galega ante a Axencia Europea de Seguridade Marítima

VENCE E RODAS SEGURIDADE MARÍTIMA  28 ABRIL 2014A frota galega suma o 80% das vítimas mortais por accidentes marítimos, pese a que supón o 50% do conxunto da frota do Estado e non faena nos corredores con maior densidade de tráfico, -o Canal da Mancha e o Estreito de Xibraltar están moi por riba de Fisterra-. Unha tráxica estatística que non inclúe aos 18 mariñeiros falecidos no mar nas pasadas semanas, e que eleva a 76 o número de vítimas mortais na última década.

O portavoz nacional, Xavier Vence, considera esta situación “intolerable e dramática” que revela un “problema específico” en Galiza, que ten causas concretas atribuíbles a decisións políticas do Goberno central, da Xunta e da propia UE: “privatización de parte dos servizos de seguridade, centralización en Madrid das emerxencias no mar, aplicar o mesmo traxe a todas as frotas e costas e a normativa que impide financiar a renovación da frota para facela máis segura”, explicou Vence.

Para corrixir esta situación, o BNG presenta unha batería de medias ante todas as Administracións que teñen responsabilidade. En primeiro lugar, levará ante a Axencia Europea de Seguridade Marítima, con sede en Lisboa, unha denuncia para que avalíe as causas desta alta sinistralidade na costa galega.

No Parlamento galego, promover unha comisión de estudo sobre as condicións técnicas das embarcacións, ademais de reclamar, máis unha vez, a transferencia das competencias en materia de seguridade marítima. E, non Congreso, solicitar as explicacións da ministra de Pesca, en particular despois de que se aprobase por Madrid baixar a tripulación mínima nas embarcacións.

Vence foi especialmente crítico coa privatización crecente dos servizos de seguridade no mar, en particular co feito de que o Servizo de Gardacostas de Galiza cobre aos barcos, como en caso de intervención do helicóptero de salvamento. “É un problema que compre corrixir, a seguridade non pode ter prezo, a garantía da vida dos traballadores do mar no pode ter prezo e, polo tanto, hai que eliminar o cobro deste servizo de auxilio”, demandou Vence. Por contra, hai que recuperar o seguro colectivo de accidentes do mar.

A política pesqueira que marca Bruxelas ten efectos perniciosos na seguridade, porque financia desgüaces pero non a modernización de buques que acumulan anos de antigüidade, ao que se engade os problemas de redución do tripulantes nas embarcacións, o que incrementa a tensión laboral e se reduce a efectividade en cuestións para garantir unha boa seguranza no mar.

“Non é casualidade, nin un mal divino a sinistralidade da frota galega, senón consecuencia dunha política pesqueira que provoca reducións nas tripulacións e que afoga ao sector”, sentenciou Daniel Rodas, portavoz parlamentario de Pesca que defenderá as propostas do BNG en seguridade marítima na Cámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG