O BNG leva a Eurocámara a voz das plataformas contra os megaproxectos mineiros

É imperativo un cambio da normativa comunitaria para prohibir o uso de cianuro e de calquera outra substancia tóxica considerada altamente contaminante nas explotacións mineiras a ceo aberto, polo elevado risco de destrución medioambiental e das actividades económicas vinculadas ao territorio, en particular ao sector agrogandeiro e turístico no caso de Galiza.

A proposta foi formulada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, durante a audición organizada polo BNG na Eurocámara para levar a ao Parlamento Europeo a voz das plataformas e colectivos sociais que se opoñen aos megaproxectos mineiros previstos en distintas partes do país. Baixo o título Movementos sociais en Europa contra a megaminería,a conferencia contou coa participación das plataformas e colectivos sociais que se opoñen aos proxectos mineiros a ceo aberto en Galiza: Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños (proxecto mina de ouro de Corcoesto), Plataforma Veciñal Corno do Monte-A Limia (proxecto de mina de feldespato da Limia), Plataforma Mina Wolframio Cartelle-Ramirás (proxecto de mina de wolframio en Cartelle e Ramirás) e a Asociación naturalista de defensa ambiental Ribeiras do Miño (proxecto de canteira de granito en Castrelo de Miño) coa presenza do propio rexedor, Xurxo Rodríguez,  así como representantes da asociación ecoloxista Adega, e do sindicato agrario Fruga.

Miranda denunciou a "falacia" de pretender defender a implantación destes megaproxectos en base a unha suposta creación de emprego, como argumento para convencer ás poboacións afectadas nun momento de crise económica e taxas de paro sen precedentes. "Non se pode vender xeración de emprego cando estes megaproxectos van destruír os recursos naturais e o medio de vida das zonas onde se implantan, afectando especialmente ás actividades económicas xa consolidades dos sectores agrogandeiro e turístico dos que viven miles de persoas", explicou.

Pola súa parte, os distintos portavoces das plataformas sociais coincidiron en reclamar un maior compromiso das institucións da Unión Europea na defensa dos intereses dos cidadáns europeos que viven nas zonas "ameazadas" por megaexplotacións mineiras ou canteiras, nun momento en que o Parlamento Europeo está debatendo unha reforma da actual normativa.

Neste momento a Eurocámara debate a futura directiva relativa a avaliación de impacto ambiental de determinados proxectos públicos e privados no medioambiente. Miranda avanzou que o BNG xa emendou o texto para que en todos os casos sexa obrigatorio elaborar unha declaración previa de impacto ambiental.

A audición organizada polo BNG contou coa participación dos eurodeputados do Grupo Verdes/ALE Nikos Crysogelos e Reinhard Bütikofer, do eurodeputado da GUE/NGL Nikolaos Chountis e do eurodeputado dos socialistas europeos, Victor Bostinaru.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG