Ligazón para asinar: https://www.change.org/p/vox-non-queremos-a-vox-no-debate-da-tvg
Tras coñecer a decisión da Xunta Electoral da Coruña o BNG lanza unha campaña en change.org en contra da participación de VOX no debate electoral da TVG previsto para o último día de campaña, venres 8N ás 10.00 horas. A formación nacionalista considera inaudito que o órgano electoral outorgue a este partido a consideración “grupo político significativo” en Galiza, pese a que carece de representación: cero deputad@s e cero concelleir@s.
O BNG entende que esta decisión non fai máis que contribuír a “branquear” a unha dunha forza xenófoba, racista, machista e antigalega, en particular despois de que as forzas políticas estatais permitisen no recente debate electoral que VOX difundise o seu discurso antidemocrático con total impunidade en horario de máxima audiencia e ante millóns de espectador@s.
A formación que lidera Ana Pontón non está disposta a que VOX volva ter, neste caso na televisión pública de todos e todas as galegas, unha nova oportunidade de difundir e normalizar un discurso “de odio” no que, incluso, pide a ilegalización das institucións democráticas galegas, - como o Parlamento, Goberno, e Estatuto-, e a ilegalización dunha forza como o BNG por levar no seu ADN a defensa de Galiza como nación.
“Desde o BNG queremos manifestar un absoluto desacordo coa decisión tomada pola Xunta Electoral da Coruña que permite que un partido de extrema dereita poida ter presenza normalizada nos medios públicos galegos e transmitir no debate da TVG a súa mensaxe de odio sen cortapisas, no que proclama posicións franquistas, racistas, contrarias aos dereitos das mulleres, que quere acabar coas institucións galegas e prohibir os usos oficiais da nosa lingua e que ameaza coa ilegalización das forzas políticas democráticas que, como o BNG, defendemos o dereito das nosas nacións a existir e a decidir”, salienta o Bloque na petición de change.org.
#StopVOX
A formación nacionalista considera que a decisión da XEC “é un disparate en termos xurídicos ao que se suma o permanente branqueo que VOX está recibindo por parte da mediática e os partidos españois, e as consecuencias sociais que iso ten. Desde o BNG consideramos que por dignidade democrática, por compromiso coas mulleres , coas persoas homosexuais, coas persoas doutras procedencias e orixes, e desde a defensa dos valores democráticos e da convivencia, é necesario mostrar unha grande repulsa social diante desta cuestión”.
Por iso, pide a cidadanía que asinen para que VOX non participe no debate da TVG.
Desde Vigo, tras participar nun encontro con representantes do sector da automoción e das auxiliares, a portavoz nacional, Ana Pontón tamén se refería a este asunto.
Un disparate
“É un disparate que esa extrema dereita poda seguir branqueando o seu discurso antidemocrático e de odio na TVG, e parécenos un despropósito que a XEC permita debater a unha forza que non ten ningunha implantación en Galiza”, alegou.
“Temos que dar unha respostas contundente nas urnas. Por iso, pido concentrar no BNG todo o voto de país, das persoas que saben que Galiza gana se o BNG está no Congreso, que saben que somos garantía de defensa do país e dos dereitos e liberdades, e que saben que somos muro de contención contra unha extrema dereita machista, racista e antigalega. Por iso, sobran os motivos para este 10N coller a papeleta do BNG”, recalcou.