BNG lamenta que PP e PSOE non asuman as súas “responsabilidades políticas” no accidente do Alvia

Goretti Sanmartín e Ana Miranda
Goretti Sanmartín e Ana Miranda
Ana Miranda: “A gran diferenza entre PP-PSOE e BNG é que mentres os primeiros tratan de ocultar a realidade nós traballamos para que haxa verdade e xustiza”

“Hoxe é un día de acompañar ás vítimas do accidente do Alvia, e no BNG levamos 9 anos ao seu carón”, subliñou a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, ao inicio do xuízo do sinistro –que se desenvolverá nos vindeiros meses na Cidade da Cultura de Santiago-, onde se trasladou xunto a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín. Ambas destacaron que o acompañamento neste longo proceso non só se refire á solidariedade coa dor das vítimas, senón coas súas reivindicacións, posto que “levan todo este tempo pedindo ser escoitadas, pedindo xustiza e pedindo unha investigación independente”.

“Hoxe tamén é un día para salientar a diferencia que existe entre PP-PSOE e BNG: nós estamos aquí ao carón das vítimas mentres PP e PSOE non só non estiveron acompañándoas, senón que estiveron tapando a verdade e impedindo desde os seus gobernos que houbera unha investigación independente”, manifestou Miranda en referencia a carta feita pública a pasada semana na que a exministra popular Ana Pastor manobrou para que a Comisión Europea dilatase a publicación do seu informe crítico coa actuación do Estado español.

Así, a eurodeputada nacionalista lamentou que no xuízo non compareza ningún dos ministros responsables, José Blanco e Ana Pastor, xa que ao seu xuízo eles eran responsables do accidente, en tanto que máximos responsables de cumprir a normativa de seguridade ferroviaria. “E 9 anos despois non temos o cumprimento da normativa europea que impediría un accidente desas características, xa que o Estado español sigue incumprindo esa normativa europea de seguridade ferroviaria e ten un procedemento de infracción aberto por esa falta de cumprimento”, explicou Miranda.

Neste sentido, lembrou que o informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) “di alto e claro que o accidente non foi só un problema do maquinista, senón que hai causas profundas e estruturais, como a falta de seguridade ferroviaria”.

Novo encontro coa comisaria de Transporte da UE

Precisamente para coñecer se desde xullo existen avances no cumprimento do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España en 2019, Ana Miranda avanzou que xa solicitou unha reunión coa Comisaria de Transportes e Mobilidade da UE, Adina Valean. O obxectivo é coñecer os resultados da auditoría anunciada en xullo polo director Xeral de Mobilidade, Kristian Schmidt, quen nun encontro cunha delegación das vítimas e a propia Miranda, sinalara a intención de poñer en marcha unha investigación para coñecer o grao de cumprimento dese procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra o Estado español por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria a raíz da denuncia presentada polo BNG.

“Até hoxe agardamos pacientemente os resultados da auditoría que nos anunciou o director xeral de Mobilidade nesa reunión, pero pensamos que é hora de presionar para que dean a coñecer os resultados desa investigación”, salientou a eurodeputada nacionalista, quen destacou que “desde o Bloque temos dous obxectivos claros: prestar todo o apoio ás vítimas e traballar para que un accidente tan grave non se volva repetir”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG