- A organización nacionalista condena a utilización do aparello institucional do estado para a persecución de ideas políticas democráticas
O grupo parlamentario do BNG ven de rexistrar unha proposición non de lei mediante a cal insta ao goberno galego a condenar o proceso de ilegalización de Causa Galiza así como a utilización do aparello institucional do estado na persecución de ideas políticas democráticas.
O pasado mes de decembro de 2016, a Audiencia Nacional deixou sen efecto a ilegalización de facto de Causa Galiza (suspensión cautelar de actividade). A pesar deste recoñecemento implícito da falta de base para a acusación, o tribunal mantén o procesamento de nove mlitantes desa organización.
Para o BNG, o acontecido no proceso de ilegalización de Causa Galiza non é un feito aillado senon que hai que inscribilo nun contexto de fundo retroceso en materia de liberdades e dereitos democráticos elementais. Trátase dun exemplo máis da utilización da xustiza (Audiencia Nacional), das forzas policiais e da administración do Estado para perseguir ideas políticas, en concreto para perseguir o independentismo político galego.
Nese sentido, o BNG con esta e outras iniciativas defende que o Parlamento de Galiza e o goberno galego tomen parte actica na reivindicación ao Estado do exercicio de dereitos democráticos individuais e colectivos.