O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou que promoverá a constitución do Intergrupo parlamentar en apoio a Palestina co obxectivo de crear unha vía directa de comunicación coas comunidades palestinas e coa representación da Palestina no Estado español que impulse medidas e solucións que permitan rematar co xenocidio. Así mesmo, demanda ao Goberno do Estado español pasar “da política estritamente declarativa” a “accións” contundentes para co Estado de Israel, a comezar por romper relacións diplomáticas, cesar o comercio de armamento e levar a Netanyahu á Corte Penal Internacional.
O Intergrupo xa veu funcionando con anterioridade, tamén na pasada lexislatura, constituído pola inmensa maioría das forzas políticas con representación na cámara baixa. “É necesario que este grupo se poña en funcionamento canto antes e que sirva como canle de comunicación coas comunidades palestinas no Estado español e coa representación da Palestina” afirma o deputado do BNG.
“Unha vía directa co mundo palestino impulsando as solucións que deben levar a rematar o xenocidio e acabar coa ocupación de Palestina” sentenza Néstor Rego.
Do punto de vista do BNG, “están ben as declaracións de Pedro Sánchez mais son insuficientes” xa que a posición do Goberno español “non se pode limitar o estritamente declarativo” senón que “hai que actuar”.
Neste sentido, Rego lembra que a súa formación leva tempo demandando levar a cabo medidas lóxicas e necesarias neste contexto: “reclamar un cesar fogo permanente, negociacións de paz, recoñecer de verdade o Estado palestino, romper relacións diplomáticas co Estado de Israel e que -igual que fixeron xa outros países- se promova que Netanyahu e a cúpula sionista rendan contas diante da Corte Penal Internacional” defende o deputado nacionalista.
“Debe cesar tamén o comercio de armamento con Israel. Non é xustificábel que, ao mesmo tempo que se critica suavemente a actuación de xenocidio por parte de Israel, se confirme unha compra de 1.683 mísiles SPIKE de fabricación israelí” recrimina Rego. Unha compra, continúa o deputado, iniciada en setembro mais confirmada xa no mes de outubro.