Congreso

O BNG exixirá a inmediata transferencia de competencias sobre a nosa costa para evitar accidentes como o do Blue Star

Néstor Rego anuncia en Ares que o BNG demandará no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego que a Xunta asuma competencias en materia de seguridade marítima e protección do litoral 

Pedirá explicacións sobre a xestión do accidente do quimiqueiro que encallou en Ares e exixe medidas de protección urxentes 

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, xunto co deputado do Parlamento galego, Xosé Luis Rivas, ademais de cargos nacionalistas dos concellos da comarca, desprazáronse á ría de Ares onde esta noite embarrancou quimiqueiro Blue Star para denunciar a desprotección da nosa costa e demandar a transferencia de competencias en seguridade marítima e protección do litoral á Xunta de Galiza. 

Con bandeiras de Nunca Máis e despois de desexar a rápida resolución do rescate, de maneira especial para a tripulación que ás 12.30 en que se produciron as declaracións continuaba no barco, Néstor Rego denunciou que "dezasete anos despois do Prestige continúe habendo novos accidentes na nosa costa sen medios adecuados para prevelos e evitalos". Anunciou así que o BNG reclamará tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Galego, "información sobre todo o que aconteceu desde que se recibiu a primeira chamada de alerta e cales foron os medios que se puxeron para evitar que o barco acabase encallando". 

Blue StarTransferencias necesarias 

Ademais, Néstor Rego destacou que "é hora de que dunha vez por todas Galiza asuma as competencias sobre a nosa costa e, polo tanto, sobre tráfico e seguridade marítima, xa que non deixa de ser sorprendente que o centro de control de salvamento marítimo estea en Madrid". Anotou neste sentido o deputado nacionalista que ademais de ter maior coñecemento sobre a nosa costa, estase a perder un tempo de especial relevancia en situacións como esta. "Tampouco resulta aceptábel que os medios de salvamentos estean privatizados, xa que non pode ser un negocio senón que ten que ser unha prioridade pública e, se o noso país ten o control sobre a nosa costa tamén teremos moitos máis recursos para xestionar", sinalou. 

En canto á situación da Ría de Ares en que se produciu o embarrancamento, Rego lembrou que en 2014, "o Goberno español decidiu que pasara a ser área de servizo dos portos da Coruña e Ferrol e, polo tanto, área de fondeamento de buques, sen que houbese ningún recurso para evitar casos de contaminación nin medios dispoñíbeis para facer que esa función non tivera consecuencias negativas". 

Denuncia a ausencia de barreiras anticontaminación

Cando xa pasaron máis de doce horas do accidente, Néstor Rego mostrou tamén a súa preocupación por que non se instalasen as barreiras de contención para prever unha posíbel contaminación das augas xa que, "con independencia de que o barco fose baleiro, pode haber toneladas de combustible a bordo que non foron retiradas cando a cinco quilómetros existe un centro loxístico con medios anticontaminación e, polo tanto, resulta sorprendente e unha irresponsabilidade que aínda non fosen colocadas as barreiras, do que pediremos explicacións ás autoridades", denunciou. 

Finalmente, o deputado concluíu que o BNG vai ser firme á hora de exixir explicacións sobre o accidente así como demandar a transferencia inmediata de competencias sobre o litoral, de maneira especial en tráfico e salvamento marítimo "para evitar que situacións como estas se produzan outra vez, co perigo que poida ser tamén con verquidos contaminantes". 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG