xerais 2023

BNG exixirá a creación do xulgado de violencia machista en Ourense

Ourense
Ourense

Presas: “Este 23X non pode quedar nin un voto feminista na casa. É máis necesario que nunca avanzar nas políticas de igualdade e contra a violencia machista”

A cabeza de lista chama a confiar no BNG nestas eleccións como organización feminista “nun contexto onde hai forzas políticas que se atreven a negar a existencia da violencia machista”

Xulgado específico, obrigatoriedade de formación en toda a cadea que atende a estas mulleres e máis recursos para que as comunidades poidan ter maior atención e protección: entre as medidas prioritarias do BNG

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, comprométese a exixir do Goberno do Estado a creación dun xulgado específico de violencia machista en Ourense que inclúa a o tratamento dos delitos sexuais. A organización nacionalista propón maior formación obrigatoria para todos os axentes e organismos implicados, así como modificacións legais para a loita contra a violencia machista no ámbito dixital e aumentar os recursos para loitar contra este tipo de violencias. Así mesmo, Presas presenta o BNG como o muro de contención daquelas forzas políticas que “se atreven a negar a existencia e a gravidade da violencia machista” e chama a confiar na organización nacionalista o vindeiro 23X como o voto “verdadeiramente feminista” en Ourense.

“Este 23 de xullo é fundamental para as feministas, sendo necesario que avancemos nas políticas de igualdade e avanzar, tamén, contra a violencia machista” reivindica a cabeza de lista do BNG por Ourense. Neste sentido, explica que nun contexto “onde hai forzas políticas que se atreven a negar a existencia e a gravidade da violencia machista é máis necesario que nunca apostar por forzas feministas”.

No caso do BNG, unha forza con obediencia no País, preséntanse a estas eleccións co obxectivo de condicionar a política do Estado para que cumpra con Galiza e con Ourense, tamén en materia de igualdade e a prol da loita contra a violencia machista. Neste sentido, lembra o incumprimento do actual Goberno xa que, segundo lembra Presas, no Acordo de Investidura incorporouse a creación dun xulgado específico de violencia machista en Ourense “e non se cumpriu”.

“Temos máis de 400 mulleres nas comarcas de Ourense que están protexidas contra a violencia machista. Precisamos ampliar os recursos: un xulgado específico, obrigatoriedade de formación en toda a cadea que atende a estas mulleres e mesmo máis recursos para que as comunidades poidan ter maior atención e protección” enumera Presas.

Neste caso, a organización nacionalista demanda impulsar medidas concretas e específicas dirixidas á formación obrigatoria de todos os axentes, organismos e institucións implicados –de maneira directa ou indirecta- coa prevención e intervención fronte á violencia machista, a comezar polas forzas e corpos de seguridade e a xustiza.

Así mesmo, tamén exixirán o impulso de mudanzas legais para combater calquera forma de violencia machista no ámbito dixital e garantir a debida persecución destes delitos cando se cometan a través da rede ou polo uso de tecnoloxías e plataformas dixitais, incluíndo a Intelixencia Artificial.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG