A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas defendeu unha moción instando á Xunta a cumprir a Lei do libro e poñer en marcha o Plan de dinamización da lectura. Asemade, propuxo duplicar os orzamentos para o sector do libro e crear o Instituto Rosalía de Castro para a difusión e proxección internacional da lingua, literatura e cultura galegas.
A deputada do BNG lamentou que a portavoz do Partido popular, Sandra Vázquez anunciara o voto en contra á iniciativa nacionalista demostrando, unha vez máis, que “o PP dá as costas ao sector”.
Na súa intervención, Queixas asegurou que para a inmensa maioría da sociedade galega “o Rei demérito” non coloca a Galiza no mapa como afirmou recentemente Alfonso Rueda e criticou a defensa do PP do “espectáculo vergoñento e esperpéntico” que a monarquía segue a representar escollendo Sanxenxo como escenario. Estamos, dixo, ante a defensa dun “modelo caduco, antidemocrático, ilexítimo e discriminador”, que deixa claro que non todos somos iguais ante a lei, aseverou.
“Quen colocou Galiza no mapa foi Domingo Fontán, a comezos do XIX, con traballo, dedicación, talento e un esforzo magno durante 17 anos. Quen colocou Galiza no mapa de todas as vangardas, foi Rosalía de Castro, e quen ten colocado a Galiza no mapa da diversidade creativa e pluralidade lingüística son todos os nomes dos Premios nacionais, destacando a literatura galega en todos os xéneros premiábeis”.
Os nosos escritores e escritoras, reiterou a deputada, “colocan Galiza no mapa das palabras que pensan, senten e dialogan libres, honestas, democráticas, sen discriminacións e en igualdade”. E nese mapa de futuro, é onde “nos queremos colocar no BNG”.
A deputada indicou que distintos organismos representativos da cultura galega manifestáronse contra a política da Xunta para o sector do libro como constatan a través de diferentes comunicados: o Consello da Cultura galega, a Asociación de escritores e escritoras en lingua galega solicitando un incremento do 50% para a compra de libros de todas as bibliotecas públicas, deseñar un plan de potenciamento do libro galego dentro e fóra de Galiza e reorientar as asignacións económicas previstas para o Xacobeo para destinar máis recursos á edición, actividade de escritores e escritoras e ás librarías “como foco de representación e recoñecemento da literatura e cultura galega”.
Entre os diferentes comunicados, dixo, figura o da Asociación galega de editoras denunciando a desatención por parte da Xunta, ano tras ano á hora de organizar as feiras internacionais do libro, “menos propaganda e máis xestión profesional” era o que demandaban porque a Xunta perpetúa un sistema de participación que non está a ser útil para os obxectivos profesionais das editoras.
Por outra parte, tamén se referiu ao sector da tradución e aludiu ao comunicado da Asociación Galega de profesionais da tradución e interpretación, no que rexeitaban “o enfoque e contido” da orde de axudas da Xunta pola “falta de coherencia coa profesión e do sector” e a inclusión de “criterios extraliterarios e de dubidosa relevancia”.
Na súa intervención, tamén lembrou que no último pleno e a través dunha interpelación, presentámoslle ao Conselleiro un catálogo de incertezas da delicada situación que atravesa o sector do libro galego: “investimentos contraídos, orzamentos non executados, diminución do número de publicacións, falta de impulso social á compra de libros en galego, insuficiente apoio á rede de bibliotecas públicas, ausencia de estratexia de internacionalización, falta de visibilidade en librarías, ínfima presenza nos medios de comunicación ou perda de competencia en galego”.
O conselleiro Román Rodríguez, dixo a deputada, non respondeu as cuestións formuladas polo BNG nin explicou que estratexia vai seguir o goberno en relación ao plan de dinamización da lectura e cando se sentará co sector e coa sociedade para consensuar “un plan social de dinamización da lectura en Galiza”.
A parlamentaria do BNG insistiu en que o Goberno galego non está a cumprir a lei ao que sumou a Estratexia da cultura galega 2021 que marca como obxectivo prioritario “deseñar mecanismos para realizar políticas arredor da lectura, arredor do fortalecemento do propio sector do libro”. Ulos? Cando? Como? Con quen? preguntou.
O goberno do PP “dá as costas ás demandas do sector do libro e da lectura galega”. E hoxe, votando en contra, o PP veta un Pacto Social pola Lectura, o seu impulso económico e a creación do Instituto Rosalía de Castro para deseñar a internacionalización da lingua e cultura galegas, concluí.