BNG exixe á Xunta que actúe ante os prexuízos “evidentes” da mina das Viñas nas Somozas sobre as persoas e o medio

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández: “é incrible que o Goberno galego diga que as augas están ben canalizadas cando basta pasar por alí para concluír o contrario”

BNG exixiu á Xunta no Parlamento galego que cumpra a súa obriga de inspección e control das actividades mineiras e de protección do medio no caso da mina das Viñas, situada na parroquia de Recemel, no concello das Somozas, “obrigas que debe cumprir de oficio e que, a todas luces, está incumprindo” ante os “evidentes” prexuízos que se están a producir no lugar “para as persoas, o medio e as infraestruturas”.

Así o denunciou nunha pregunta parlamentaria na comisión de Industria o deputado Mon Fernández, quen reprobou ao Executivo de Feixóo que nada se sabe sobre as actuacións ao que está comprometido por acordo parlamentario de hai tres meses para adoptar “as medidas necesarias nesta mina e, de ser o caso, a súa paralización, para garantir efectivamente a seguridade das persoas, os regatos e ríos da contorna, así como das vivendas e da circulación viaria”.  

Logo de censurar que o Goberno galego mantivera a vixencia da autorización para esta explotación mineira á empresa Cuíña (disolta por auto xudicial en 2012), cando fora concedida no ano 99 previa emisión dunha Declaración de Efectos Ambientais (DEA) de 1996, Fernández recordou que a empresa Fco. Gómez y Cia adquiriu o dereito de explotación en abril de 2020 -é dicir, que a Xunta “autoriza o ano pasado a transmisión do dereito mineiro” cando nunca se chegara a iniciar a actividade- e comeza en maio deste mesmo 2021 a realizar movementos de terras e apertura de pistas, ante o que a veciñanza denuncia os prexuízos causados.

“Os máis evidentes, e que aínda se producen hoxe, son o ruído e poeiras, non só pola actividade de extracción en si mesma, senón tamén polo tráfico constante de vehículos pesados por diante das casas ou polas pistas que lles dan acceso e que están a estas alturas nun estado penoso, cheas de cráteres que a propia empresa cubre con pedras pola súa conta e risco para ir tirando”, advertiu, para engadir a continuación, que esta cuestión complícase moito máis cando chove “porque as escorrentías son dun volume importante, convertendo as pistas en auténticas lameiras e chegando ao río Grande e, a través deste, ao ría Grande de Xuvia e, finalmente, á ría de Ferrol”.

Ante a resposta facilitada polo Goberno do PP, o deputado nacionalista considerou “absolutamente incrible” que aseverase que en varias inspeccións se constatase que as augas derivadas da actividade da mina están debidamente canalizadas “cando basta pasar por alí e unha mera visión ou revisión ocular dá as conclusións xustamente contrarias: as balsas están colocadas onde non corresponde, onde son absolutamente ineficaces, e isto constátase ademais cada vez que chove, ocasionando riadas impresionantes”. “Realmente causa estupor que ninguén poida chegar a semellante conclusión”, recalcou.

Para o deputado do BNG por Ferrolterra, despois de 25 anos de emitida a autorización, sen que en ningún momento se iniciara unha actividade extractiva propiamente dita que xustificase o seu “reinicio”, e diante das protestas dunha asociación veciñal que denuncia prexuízos tanto para a poboación coo para o medio, “o comportamento da Xunta, responsábel de autorizar máis tamén de controlar o correcto desenvolvemento da actividade, cae no peor dos burocratismos que existen que é aquel que busca provocar a fatiga das persoas administradas; polo menos, é o que parece”.

Fernández acusou ao Executivo de Feixóo de complicar as condicións de vida para as persoas que viven no rural, “xa non porque conten con menos servizos que as persoas que viven nas vilas e nas cidades”, senón porque resulta “materialmente imposible” vivir nun medio degradado e sobreexplotado por actividades que son, xa non molestas, “senón perigosas e mesmo insalubres, como acontece con outras empresas instaladas tamén no Concello das Somozas”, concluíu. 
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG