A deputada Noa Presas denunciou esta mañá no Parlamento galego a situación na que se encontra o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que arrastra un problema histórico de falta de investimentos e de continuas reformas parciais que non acaban por modernizar as instalacións. “Esta situación é especialmente urxente en todo o que ten que ver coa saúde da muller, xinecoloxía e maternidade”.
O 30 de decembro de 2023 desprendíase un falso teito nun corredor do edificio Materno-Infantil, no acceso á unidade de partos. Este supuxo unha evidente obstaculización a un normal uso das instalacións, “pechando de forma preventiva a zona continua: sala de parto natural, quirófano de legrados e sala de estar do persoal” explicou Presas. Cabe salientar que esta situación derivou no peche da única sala de parto natural do complexo, que “é a única que ten bañeira, baño propio e fiestras”.
“Calquera muller que paira, que aborte ou que sexa atendida por unha agresión sexual en Ourense, merece os mesmos dereitos que en calquera outro lugar de Galiza” salientou Noa Presas.
A Xunta informou que se acometerían as actuacións necesarias e pasados varios meses, as usuarias, persoal sanitario e entidades sociais de apoio á maternidade “denuncian como esta situación continúa sen ter unha resolución adecuada” e que as obras que se ían resolver en menos de un mes levan case catro meses. “Isto tradúcese nunha limitación da zona e dos servizos e unha limitación na calidade e posibilidade de acceso aos servizos para un parto natural e mesmo situacións nas que dúas nais teñen que compartir unha sala de dilatación” destacou.
O BNG denuncia que o seu alongamento no tempo e a non previsión da creación dunha infraestrutura temporal complementaria no hospital teñen consecuencias sobre a saúde das mulleres e os seus dereitos en materia de maternidade. “Esta situación amosa a desidia do goberno galego e da xerencia de Ourense e vai na mesma liña da obstaculización á Comisión de Lactancia, da recorrente falta de persoal de enfermaría en xinecoloxía e das derivacións a outros hospitais” explicou Noa Presas.
“Esta situación non se pode dilatar e consentir no tempo, máis aínda tendo en conta a importancia deste hospital tanto para a poboación que inmediatamente ten como referencia como para aquela que pode ser desprazada desde os hospitais comarcais de Verín e Valdeorras”.