Vinte anos despois do afundimento do Prestige, aínda continúa almacenados nunha balsa de augas nas Somozas, A Coruña, 10.000 toneladas de residuos sen tratar. Por este motivo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado, acordando coa Xunta de Galiza, que inicie os traballos para o tratamento destes residuos. Para a organización nacionalista é inaceptábel que, pasados vinte anos, haxa cuestións de índole ecolóxica e de tratamento de residuos que continúen sen resolverse.
O afundimento do buque “Prestige” na costa de Muxía tinguiu de negro todo o litoral da Galiza, especialmente a Costa da Morte, hai vinte anos. Toneladas de fuel foron vertidas ao mar polo buque e provocaron unha mobilización histórica de millares de persoas voluntarias, veciñanza e traballadores do mar para a recollida destes residuos. Das 90.000 toneladas recollidas, a redor de 60.000 foron alamcenadas nas instalación de SOGARISA (Ferrovial) nas Somozas, das cales 10.000 continúan sen ser tratadas.
“Até 2006 non se comezou cos traballos de tratamento destes residuos. Con todo, a día de hoxe aínda permanecen nas Somozas unhas 10.000 toneladas sen tratar. Están almacenadas nunha balsa de augas pluviais, pendentes de que as dúas administracións responsábeis -Estado e Xunta de Galiza- alcancen un acordo para dotar os recursos económicos necesarios para iniciar o proceso de tratamento” denuncia o deputado do BNG, Néstor Rego.
No vixésimo aniversario da catástrofe ambiental, a frente nacionalista insiste na necesidade de desenvolver todas as xestións necesarias entre as administracións competentes. “É hora de proceder ao tratamento das 10.000 toneladas de residuos almacenados nas Somozas” demanda Rego.
De facto, organizacións ecoloxistas como ADEGA lembran que a Lei de Residuos e Solos contaminados obriga a tratar estes residuos nun prazo máximo de 6 meses. Por iso o deputado do BNG insiste en que o Goberno do Estado “debe acordar coa Xunta de Galiza, se aínda é que non o fixo até o de agora, como financiar o tratamento dos residuos”. Se non o fixer, incide Rego, estarase incumprindo a legalidade estabelecida en canto ao tratamento dos residuos.