parlamento galego

BNG exixe no Parlamento que se efectúen as obras de mellora no entorno portuario de Foz

Daniel Castro
Daniel Castro

O deputado Daniel Castro instou á Xunta de Galiza cumprir cos acordos co Concello de Foz para a execución das obras urxentes e garantir a seguridade portuaria

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, preguntou na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, sobre a mellora do pavimento no entorno portuario do concello de Foz. Castro demanda á Xunta de Galiza mellorar o firme e pavimentación dos espazos portuarios e que se efectúe canto antes a adecuación da sinalización dos límites de velocidade e de uso de embarcacións de recreo no entorno portuario.

A circulación en todo o traxecto no entorno da explanada portuaria, cara ás instalacións do Clube Kayak, "ten o firme moi deteriorado" sinalou. No verán de 2022, o Goberno local de Foz instou a Portos de Galiza á súa mellora.

Informado Portos de Galiza pola Concellería do Mar, resolveu tapar as fochancas provisionalmente. O BNG de Foz presentou novamente unha proposta no pleno municipal en 2023 onde Partido Popular de Foz asegurou que Portos tiña “o asunto enriba da mesa”.

Pese a esta afirmación, Castro salientou que “os focegos e as focegas seguen á espera de acondicionar debidamente este espazo de uso cotiá”. Alén disto, recentemente, en marzo de 2024, o agora xa confirmado Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, anunciou que investirá 263.000 euros en obras de mellora dos pavimentos das dársenas autonómicas da comarca da Mariña ao longo deste 2024, “pero novamente non inclúe á de Foz”. Castro criticou que “poderíamos ir de ano en ano saltando de acordo parlamentario incumprido en acordo parlamentario incumprido”.

A mesma situación de desleixo repítese con outras instalacións portuarias de Portochico. O deputado nacionalista lembrou que hai xa oito anos que o Parlamento galego “acordou por unanimidade” a execución de obras urxentes para garantir a seguridade, o calado e o aumento de prazas de atraque nese porto, “e nada se fixo aínda”, neste caso hai tamén un anuncio sen orzamento de que se van realizar agora, mais novamente sen avances.

Hai outras iniciativas para a mellora da seguridade no espazo non se contemplan. Medidas como a aprobada por maioría do pleno de Foz en xullo de 2022 e novamente en 2023 “exixindo informar vía cartelería e sinaléctica, para facer cumprir a limitación da velocidade e uso de embarcacións de recreo no entorno portuario” concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG