A publicación dos informes realizados sobre as causas que produciron o colapso do viaduto da A-6 leva o Bloque Nacionalista Galego a rexistrar iniciativas con carácter de urxencia na cámara baixa, así como a solicitude de comparecencia do Secretario Xeral de Infraestruturas. A organización nacionalista exixe ao Goberno do Estado que explique as actuacións que realizará, tanto para depurar responsabilidades como coñecer o calendario para ter de novo operativo o viaduto. Para o deputado nacionalista, a información achegada é parcial, non define as causas últimas do colapso e parece evidente que tenta ocultar a posíbel existencia de defectos de construción alegando a concorrencia de “varios factores que levaron ao derrubamento da infraestrutura”.
“De toda a información achegada polos informes realizados por MC2 e Ideam só pode deducirse que a estrutura adoecía dunha deterioración que non se corresponde coa súa antigüidade. Isto evidencia a existencia de defectos de construción mais tentan que pase desapercibido no informe” denuncia o deputado nacionalista. Néstor Rego sinala a ausencia de información que esclareza as causas reais e últimas desa deterioración acelerada, así como “a causa das filtracións ou o por que non se preveu a presenza habitual e continuada de auga e neve dado que xa se sabía, antes da súa construción, que a infraestrutura estaría nun territorio de montaña e con alta pluviosidade”.
Para o deputado do BNG, Néstor Rego, resulta “irrisorio” que se faga público un informe en que se fala de “múltiples causas que levaron ao derrubamento, mais non se analice se iso é aceptábel ou normal” nunha infraestrutura de tan só vinte anos. Neste sentido, entende necesario ampliar a información fornecida polos informes realizados, nun acto de total transparencia para coa cidadanía. Rego urxe realizar -tal e como recolle a moción aprobada polo pleno do Congreso presentada polo BNG- as inspeccións no resto de viadutos e outras vías semellantes á do Castro e dar a coñecer o resultado delas.
Por tanto, quer na iniciativa presentada quer na solicitude de comparecencia do Secretario Xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, a organización nacionalista reclama afondar na información achegada polos informes xa que entende “que non resolve todas as incógnitas”, así como unha actuación contundente no ámbito legal para reclamar responsabilidades frente ás empresas construtoras ou as persoas encargadas da redacción e selección do proxecto, segundo for o caso.
“Parece evidente que detrás desta información parcial e ambigua está a tentativa de protexer as persoas ou entidades verdadeiramente responsábeis dunha construción inapropiada, foren as empresas que executaron o viaduto, for o propio Ministerio se deu luz verde a un proxecto inadecuado para as condicións da zona”, sinala Rego, que lembra que foron dúas grandes construtoras -FCC e ACS- as que realizaron as obras. “Sabemos que son empresas con grande poder económico e infelizmente tamén político, mais se a responsabilidade está nunha incorrecta execución do proxecto, a sociedade débeo saber e a administración debe exixir as responsabilidades a que houber lugar”
Por outra banda, a organización soberanista demanda un calendario detallado para coñecer cando finalizarán as obras de reparación e reposición do viaduto do Castro na A-6 e “permitir novamente a súa apertura ao tráfico”