O BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a devolver á veciñanza de Moaña o servizo de urxencias sanitarias co que contaba e a restituír o persoal trasladado. Así o reclamou o deputado nacionalista Paulo Ríos nunha pregunta en Pleno parlamentario, no que advertiu da “situación de emerxencia” que vive a localidade “no que respecta ao dereito a ter unha atención sanitaria de calidade”.
Ríos censurou ao Executivo de Feixóo o seu “silencio” como única resposta á manifestación na que máis de 5.000 moañeses e moañesas esixiron unha atención sanitaria digna e que o Sergas “non xogue coa saúde da veciñanza” e, neste sentido, recordou que a vila, con preto de 20.000 habitantes, leva máis de ano e medio co seu servizo de urxencias desprazado a Cangas, unha medida que -segundo subliñou- aínda con reservas, foi asumida por veciños e veciñas debido á pandemia.
“Máis ano e medio despois, as medidas provisionais parece que fican como permanentes e non se puxo enriba da mesa ningunha alternativa que facilite o acceso a este servizo e a recuperación das urxencias na Casa do Mar”, reprobou, para a continuación censurar que isto constitúe un ataque aos dereitos das e dos moañeses “pois son moitos os impedimentos que existen para que quen precisa acudir a urxencias poida facelo na localidade veciña”.
O deputado nacionalista criticou a actitude da Consellería de Sanidade que, ante a reclamación dende hai meses da veciñanza de Moaña para que se restitúa este servizo, só ofrece “ou ben silencio, ou ben negativas e inconcrecións” e, neste sentido, advertiu que, “por se esta situación non fose o suficientemente mala, asistimos a unha nova mostra da xestión caótica e nefasta da Consellería”, xa que a Casa do Mar de Moaña leva 1 mes cunha “falta moi acusada de persoal debido á execución de traslados de persoal a outros destinos”.
E nesta liña considerou a resposta facilitada hoxe na Cámara polo titular de Sanidade, Julio García Comesaña, da que dixo “non dista moito dunha nota de prensa que poida ler en calquera medio de comunicación ou na páxina da consellería” e que, segundo subliñou, non serve porque “non pode escudarse nesta nova onda da pandemia, cando o que acontece co servizo de urxencias de Moaña vén de ano e medio antes”.
Ríos reprobou ao conselleiro que, unha vez máis, “bote balóns fóra” ao tentar buscar confrontacións nesta situación falando de traslados voluntarios, “cando loxicamente os e as traballadores da sanidade pública teñen ese dereito”, e recordoulle que é obriga do Sergas “planificar que cando esas e eses profesionais marchen voluntariamente do seu posto de traballo, haxa outras e outros profesionais para substituílas”. “Non teñen que esperar a 2.500 persoas sen médico ou a que a xente teña que esperar 2-3 semanas para unha cita en Atención Primaria”, recriminou, para a continuación subliñar que isto da boa conta do “proceso de desmantelamento da sanidade pública” do Goberno do PP, que fixo que nos últimos 10 anos subiron as pólizas de seguro da sanidade privada en case 100.000 persoas neste País. “Están engordando a sanidade privada a base de desmantelar a pública”, concluíu.