O BNG estrea sintonía, unha creación orixinal que pon música a un País que cree en si mesmo

DSCN2784BNG Si, Galiza Si! lema que acompaña a nova sintonía musical da formación nacionalista, unha composición orixinal creada por Oscar Fernández, Ugia Pedreira e outros músicos de aCentral Folque, como mostra do compromiso co talento d@s artistas galeg@s e dun país que cree no seu futuro.

Orgullo, dignidade, forza, compromiso, confianza e combate en defensa dos dereitos e liberdades son as ideas que pretende evocar e transmitir a nova sintonía do BNG, que a secretaria de Imaxe e Campañas, Montse Prado, definiu como “a carta de presentación en positivo dun BNG que di si aos nosos sectores produtivos, que di si a clase traballadora e a mocidade, que di si as potencialidades do país, en definitiva, que di si a Galiza”.

Unha idea na que afondou o secretario de organización, Bieito Lobeira, quen atribúe a nova sintonía do Bloque a forza da evocación dunha dobre metáfora: “A metáfora dun pobo que se vale por si mesmo, que confía nas súas forzas, de aí a nosa aposta por unha composición orixinal propia desde o orgullo de ter unha sintonía feita por xente deste país”.

Lobeira tamén salientou que esta sintonía do BNG “é unha chamada a levantarse e combater as políticas brutais que nós empobrecen que provocan miseria, desemprego e emigración”, políticas que veñen de Europa ou de Madrid que son aplicadas con submisión polo PP en Galiza.

Ugia Pedreira, como responsable de aCentral Folque, salientou que tras escoitar a petición dos responsables do BNG o obxectivo era que, do proceso de creación musical, xurdise unha sintonía que inspirase “firmeza, a idea de dar pasos adiante, de avanzar, da necesidade de moverse, porque non son tempos de quedar calados”. Pola súa parte, o músico Oscar Fernández salientou a riqueza instrumental da composición con instrumentos de corda, vento, percusión, que desenvolven a sintonía en tres versións, unha delas acústica.

A nova sintonía BNG Si, Galiza Si! soará xa en todos os actos de precampaña e campaña das eleccións europeas así como nos actos da formación nacionalista.

Nota: enviamos sintonía na versión de 55” en documento adxunto. Enviamos enlace onde se pode visualizar a sintonía desde a canle de youtube.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG