BNG esixe á Xunta políticas que actúen sobre a bolsa de vivendas baleiras, que en Galiza son case un terzo do total

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Pide ao PP, despois de 10 anos e 5 medidas “que non pasaron do titular”, asumir as competencias “para algo máis que para alimentar a especulación”

A deputada do BNG Alexandra Fernández reclamou á Xunta políticas que actúen sobre a bolsa de vivendas baleiras, que en Galiza aumentaron do 18% ao 29% en só dez anos, o equivalente a baleirar toda a vivenda da provincia de Pontevedra, “liderando todos os ránkings”.

Para dar unha dimensión do problema, a deputada nacionalista subliñou que só as sete grandes cidades suman 90.000 vivendas sen ocupar, e A Coruña e Vigo sitúanse entre as tres cidades con máis inmobles de este tipo de todo o Estado. Son datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que tamén indican que entre as localidades de máis de 10.000 habitantes, cinco concellos galegos atópanse entre os dez primeiros postos: Mos, Monforte, Verín, Lalín e O Porriño.

Ante a elocuencia dos datos, Alexandra Fernández asegurou que “o mantra da dereita de que todo pasa por construír máis resulta un despropósito”, apuntando que “nunca houbo tanta vivenda en relación coa poboación como hoxe e nunca tan difícil foi acceder a ela”. En 30 anos construíronse 620.136 vivendas novas, mentres o número de fogares medrou en 291.912 porque, a pesar de perder poboación, o tamaño destes é cada vez menor. “A diverxencia é tal que en só 30 anos o parque construído incrementouse nun 54% mentres que a poboación baixou nun 2%”, argumentou.

Fernández asegurou que esta brecha entre a demanda real de fogares e o número de vivendas dáse tamén nas sete grandes cidades, onde 1 de cada 4 vivendas non se destina a residencia familiar convencional.  “O que crece cada ano é o número das que se transforman en pisos turísticos ou o número de inmobles que quedan baleiros” dixo, incidindo en que “non se trata dun problema do stock construído senón dunha distorsión das funcións para a cal se constrúe esa vivenda”.

“É incomprensible que teñamos un Goberno que destine máis esforzos en loitar contra a ocupación, cuxa dimensión real foron tres consultas en un ano a ese teléfono de denuncia que pagamos con cartos públicos, mentres permanece alleo ao problema da desocupación de un terzo das vivendas deste País”, manifestou, emprazando á Xunta de Rueda a asumir as competencias para algo máis que para “alimentar a especulación”.

Criticou, neste sentido, a ineficacia das políticas do PP, con medidas que “non pasaron do titular”, como foi o caso do Programa de Mobilización de Vivendas para o Alugamento (PMVA), tamén coñecido como Vivendas Vivas, que ía mobilizar entre 250 e 300 inmobles na súa primeira fase máis só se alugaron 36. “Non me creo que sexan tan incapaces e tan negados para, despois de cinco intentos, non acertar en algo, aínda que sexa por casualidade”, ironizou.

É por iso que na iniciativa do BNG se pide en primeiro lugar unha rendición de contas co que está sucedendo coas políticas de vivenda baleira. En segundo lugar, que muden as condicións dese programa, redefinindo a consideración de vivenda baleira, mellorando os instrumentos para facer o programa máis atractivo e establecendo criterios redistributivos.

E en terceiro lugar, o BNG esixe á Xunta que aborde dunha vez por todas o problema en toda a súa dimensión mediante a creación dunha normativa propia e adaptada á nosa realidade e con medidas eficaces, tanto de presión fiscal como de incentivos, que nos permitan avanzar en que cada vez teñan uso máis vivendas. Medidas como xa teñen por exemplo Euskadi, cun 7% de vivenda baleira,  ou Cataluña, cun 11%, apuntou.

“Non podemos permitirnos como sociedade, termos tantas casas sen xente nin tanta xente con tantas dificultadas para acceder a unha vivenda”, recalcou.

A iniciativa foi rexeitada polo PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG