O BNG esixe medidas para corrixir as deficiencias das vivendas alugadas pola Xunta no barrio ourensán de Covadonga

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Tabarés emprazou ao Goberno do PP a facer público o informe da consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda sobre os desperfectos e problemas materiais das 52 vivendas
 

O BNG reclamou medidas fronte as deficiencias estruturais e de servizos das vivendas de promoción pública arrendadas pola Xunta no barrio de Covadonga, en Ourense e cuxa veciñanza leva denunciando dende setembro do 2021. O pasado 7 de xaneiro un incendio nunha das vivendas rematou coa vida de dúas mulleres veciñas do barrio.

O deputado por Ourense, Iago Tabarés, denunciou que estas vivendas padecen de problemas estruturais, e mala calidade dos materiais e de filtracións de auga nos accesos e nas ventás dos patios interiores, cos consecuentes asolagamentos no sistema eléctrico dos edificios, entre outras problemáticas.

Neste sentido, o parlamentario ourensán criticou a baixa calidade de habitabilidade destas 52 vivendas, co sistema eléctrico á vista, o desprendemento de placas no teito e a falta de usabilidade de espazos como o ascensor, cuxa agarda ten que facerse “baixo a choiva”, denunciou. Asuntos que cualificou de “graves, tanto por agochar a verdade a este Parlamento como por non escoitar ás queixas veciñais”.

Tabarés sinalou que esta problemática xa foi levada polo BNG ao Parlamento varias ocasións e coa mesma resposta por parte da Xunta, que remitiu á Cámara que ditas avarías “foron atendidas, realizando as obras necesarias”, algo “que non é certo”, retrucou o parlamentario do Bloque, “cando contestaron a este Parlamento que todas as deficiencias foran arranxadas sabían que non era certo”.

Entre as deficiencias o Executivo dos Populares “sabía que existían filtracións, que se precisa revisar a impermeabilización, con óxido en múltiples lugares, falta de mantemento na cuberta de grava, escorrentías nos accesos e nas lousas dos corredores exteriores, deterioro das chapas de recubrimento de piares”, deficiencias todas ás que se lle suman humidades xeralizadas, tamén, nos condutos eléctricos, coa consecuente perigosidade para as persoas que viven nestes pisos.

O deputado por Ourense emprazou ao Goberno do PP a executar as obras necesarias para a reparación e corrección das deficiencias nestas 52 vivendas do barrio de Covadonga “canto antes” e emprazouno “a determinar e esixir as responsabilidades polo estado da edificación, así como polo retraso de execución das obras e as súas consecuencias”; ademais, demandoulle colaborar na investigación do sinistro deste xaneiro e “facer públicos todos os informes técnicos”. Demandas fronte as cales a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se comprometeu a acometer en resposta á pregunta do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG