BNG vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas, entre as que se atopa a comparecencia urxente da directora xeral de Patrimonio Cultural, para que o Executivo do PP dea explicacións na Cámara logo da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que “vén de condenar á Xunta por subcontratar de forma ilegal a elaboración de informes de impacto no patrimonio cultural, no canto de asumiren esta responsabilidade o persoal profesional técnico da propia Consellería de Cultura”.
Así o avanza a portavoz nacionalista de Cultura, Mercedes Queixas, quen lembra que o Bloque xa advertira en comisión parlamentaria o pasado mes de xuño “esta falta de control das subcontratas” que supuxeron desde o ano 2018 “redirixir 1,5 millóns de euros do erario público á empresa Tragsatec”.
Logo de incidir nas reiteradas denuncias que a formación nacionalista vén facendo sobre a mala xestión dos recursos públicos e sobre o desmantelamento do servizo de patrimonio cultural da Xunta, Queixas entende que este pronunciamento xudicial vén avalar estas denuncias sobre “uns feitos inadmisíbeis polos que o Goberno de Núñez Feixóo ten que dar explicacións urxentes no Parlamento”.
A sentenza do TSXG chega logo do recurso contencioso-administrativo da CIG contra a resolución do Executivo galego de decembro de 2020 no que publicaba unha nova encomenda de xestión á empresa Tragsatec por un importe de máis de 400.000 euros para executar nun prazo de seis meses. A encomenda consistía na análise e o informe de intervencións que se pretendesen realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento.
Unha resolución que, segundo recalca o BNG, viña dar continuidade a un procedemento que nos últimos tempos se veu consolidando como “unha rutina” por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que se converteu nun “mecanismo de externalización de servizos que son de responsabilidade da administración pública”.