O BNG celebrou este sábado en Santiago o Consello Nacional, ás portas da XVIII Asemblea Nacional, que terá lugar o vindeiro 1 de decembro na capital de Galiza, coa “fortaleza e orgullo” tras lograr o mellor resultado da súa historia e de ter conseguido un caudal de apoio social como nunca antes.
A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou a necesidade de seguir centrando o traballo do BNG no que realmente dá sentido á política: ocuparse dos problemas da xente e dar solucións, e apelou a seguir ampliando a base do nacionalismo coa man tendida desde a responsabilidade que supón ser a esperanza de cada vez máis galegos e galegas.
Na súa intervención, Pontón atribuíu o mellor momento da historia da formación a un “éxito colectivo” e ao “intenso e inmenso traballo da militancia, o maior valor da nosa organización”, asegurou, xunto cunha liña política que conseguiu conectar con milleiros de galegos e galegas.
Pontón advertiu que, fóra de prognósticos interesados, o avance do BNG non é nin “flor de un día” nin "algo puntual", senón unha “tendencia de fondo, sólida e potente". “Cada vez somos máis e máis que imos ser no futuro”, asegurou, anunciando que “non imos quedar recreándonos no logrado” porque "somos ambiciosas e inconformistas” polo “orgullo e amor por este País”, proclamou.
Afirmou que o BNG conseguiu situarse como alternativa ao PP “aplicando os principios nacionalistas”, conseguindo situarnos na alternativa ao PP, cun discurso claro e actualizado, centrado nas preocupacións da xente, ofrecendo alternativas e solucións aos problemas que impactan de cheo nas familias, na clase traballadora, nas persoas autónomas ou nas pequenas e medianas empresas.
Pontón parafraseou a Catelao neste momento para reafirmar que “temos fe no noso pobo e cada vez máis pobo ten fe en nós”, e certificou que o BNG está nun “momento crucial do nacionalismo e de Galiza”, porque “as decisións de hoxe marcarán o noso devir e o noso papel no País, e por iso -reclamou- “temos que actuar con responsabilidade e altura de miras”, porque, apuntou, “o BNG non é unha organización política máis: somos a expresión da existencia da nación galega, a esperanza de toda a cidadanía que quere facer realidade esa outra Galiza posible”, manifestou.
Malia a que o BNG está no seu mellor momento, a portavoz nacional quixo advertir que “nin podemos nin queremos acomodarnos” porque "a nosa vocación é acoller a maioría social do País”. “O reto -continuou- “é ser a forza que lidere Galiza e iso require seguir na mesma senda de traballo, con acerto e xenerosidade, ampliando cada día a nosa base social. Ese é o gran reto desta Asemblea Nacional: darlle máis potencia ao BNG para liderar Galiza, acollendo todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón.”
Neste sentido, entre os obxectivos da asemblea do vindeiro 1 de decembro, destacou o de afianzar a liña de traballo que trouxo a formación ata aquí, reforzar a organización, porque se algo temos claro é que sen un pobo organizado non hai cambio real posible“, sinalou. A asemblea permiritalle ao BNG seguir tomándolle o pulso á realidade na que viven os e as galegas, analizando e actualizando a análise do País, que -dixo- “ non é o mesmo de hai oito anos, en 2016, cando unha nova dirección tomou as rendas e abrimos un tempo novo no BNG”.
A líder do Bloque recordou como o BNG logrou unha implantación social e uns resultados electorais que “só os máis optimistas podiamos soñar”, recoñece para a asegurar que, “con humildade, redobrando traballo e compromiso, imos seguir avanzando coa man tendida até ser a forza hexemónica capaz de darlle a Galiza o futuro que merece, utilizando a forza que nos deron os galegos e galegas para contrarrestar a desfeita dun goberno do PP cada vez máis “ultra”, máis entregado ao centralismo madrileño, ao lobbie eléctrico e ás empresas amigas para as que realmente traballan”, arengou.
É por iso que Ana Pontón animou a seguir acollendo a maioría social de Galiza, presentando unha alternativa nacionalista que aborde debates de fondo como o concerto económico “que nos permita ter a chave dos nosos cartos”, manifestou.
“Estou segura de que imos seguir nesa dirección no novo ciclo político que abriremos despois da XVIII Asemblea Nacional, con unidade, cunha organización cada día máis forte e centrando o traballo político nas prioridades dos galegos e galegas, sabendo que moitas persoas miran neste momento con esperanza para o BNG”, subliñou para recordar que o BNG ten tres anos para mudar o “rumbo de Galiza”.
Orzamentos para beneficio das empresas amigas do PP
Neste punto, a portavoz nacional do Bloque quixo poñer de manifesto o momento de “crispación madrileña que parece contaminalo todo”, e anunciou que o obxectivo do BNG é tan claro e tan firme coma sempre: “defender os intereses dos galegos e galegas, sen insultos nin descualificacións, senón desde o debate de ideas, poñendo a defensa de Galiza no centro fronta á incapacidade dun Rueda, a quen acusou de limitarse a “facer o que lle mandan desde Madrid, gobernando para as empresas amigas do PP e para o lobbie eléctrico”.
Pontón exemplificaoucos últimos orzamentos que o PP leva anos utilizando para beneficiar as empresas amigas, como os contratos a dedo que suman millóns de euros á empresa da irmá do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ou ás empresas vinculadas a colaboradores directos do actual mandatario do Goberno galego, Alfonso Rueda.
“O PP ten pánico á comisión de investigación impulsada polo BNG, tanto medo ten e tanto ten que esconder que vetou a comparecencia de Feijóo; o mesmo que pide transparencia en Madrid, aquí escapa. Intentan boicotear a investigación por terra mar e aire. Pero non o van conseguir, imos ir até as últimas consecuencias para destapar quince anos de chanchullos do PP e imos sacar á luz todo o que o PP quere tapar”, aseverou.
A portavoz nacional avanzou que o BNG seguirá traballando para dar alternativas fronte a un Goberno de Afonso Rueda que para 2025 volve presentar uns orzamentos “rutineiros” e propios dun Executivo “sen proxecto de País”, uns presupostos “antisociais” que benefician os máis ricos, fomentan a especulación coa vivenda e anuncian investimentos que son unha “auténtica farsa” porque, apuntou, “nunca se executan”.
“Os únicos que teñen motivos para aplaudir estes orzamentos son o lobbie eléctrico, que se beneficia da súa barra libre ao espolio eólico, e as multinacionais, que se benefician dos millóns de euros que lle quitan ao público para darlle negocio ao sector privado: na sanidade, na educación ou nos servizos sociais”, sinalou.
É por iso que Ana Pontón adiantou que o BNG propoñerá “reorientar o gasto de 1.937 M€ de euros e unha política fiscal xusta que nos aporte 255 M€ máis con tres grandes prioridades: servizos públicos e política social, ciencia e sectores produtivos, e un modelo enerxético á favor do País, respectuoso co medio ambiente e coa xente do rural”.
“Temos que contrarrestar a deslealdade con Galiza do Goberno de Rueda, reforzando o noso traballo político tanto na rúa como nas institucións e usar toda nosa capacidade de incidencia social e institucional para evitar que hipoteque aínda máis o futuro deste País”, expuxo.
A portavoz nacional rematou a súa intervención no último consello antes da XVIII Asemblea Nacional animando a “seguir avanzando, nun momento no que temos unha responsabilidade extra, porque somos a esperanza de todos os galegos e galegas que soñan cun País onde facer realidade os seus soños e aspiracións” e amosouse convencida de que “unha vez máis, entre todas e todos, con unidade, intelixencia e poñendo a Galiza por diante, imos estar á altura dos retos que temos que enfrontar”, concluíu.