O BNG vai desenvolver unha ambiciosa campaña para defender dende as institucións e a pé de rúa un novo modelo de financiamento que dea a Galiza a chave dos seus cartos para, deste xeito, aproveitar o potencial que o País como motor económico e social e mellorar o benestar dos galegos e as galegas.
A campaña, que se desenvolverá baixo o lema ‘Galiza coa chave dos seus cartos” foi presentada pola responsábel de Organización do Bloque, Lucía López, e a responsábel de Formación da executiva, Montse Prado, que avanzaron que o obxectivo da formación nacionalista é facer ver á cidadanía que o actual sistema de financiamento é “unha das maiores inxustizas que padece o País dende hai décadas” e, ao mesmo tempo, explicar as vantaxes da proposta do Bloque, que pasa por un modelo de concerto económico “similar ao que xa ten Euskadi e vai ter Cataluña”.
Nun momento no que se está a debater o modelo de financiamento, advertiron ámbalas dúas dirixentes, Galiza “non pode ser mera espectadora” nin “perder o tren” nun tema crucial que vai marcar o futuro do País, tal e como pretende o PP, con Alfonso Rueda á cabeza, que prefire a submisión á estratexia de Feijóo en Madrid que a defensa dos intereses das e dos galegos.
“Mentres outros territorios do Estado, como Euskadi, contan con sistemas máis xustos e axeitados á súa realidade para garantir o seu desenvolvemento, Galiza segue prexudicada por un modelo de reparto centralista e desfasado, que non recoñece nin o noso potencial nin a nosa contribución económica”, asegurou Lucía López, advertindo das consecuencias que ten a “discriminación” que sofre o País na prestación de servizo públicos como a sanidade, a educación ou os coidados.
O modelo de concerto económico que defende o Bloque e que “xa se demostrou que é eficaz en Euskadi” permitiría a Galiza recadar o cen por cen dos impostos que xeran os galegos e as galegas e negociar a súa contribución ao Estado. “Non é unha cuestión de privilexios, senón de xustiza e igualdade, porque queremos que Galiza teña os mesmos dereitos que outras nacións ou territorios do Estado, que non se nos trate como cidadáns de segunda”, engadiu.
Para dar conta da dimensión da discriminación do actual modelo, Montse Prado subliñou que só no ano 2022 -segundo os datos da liquidación orzamentaria- a diferenza entre o que Galiza aportou vía impostos e o que lle transfire o Estado foi de 5.344 millóns de euros. Se a conta se fai entre 2009 e 2022 a cifra supera os 59.000 M€, “que supoñen practicamente case a totalidade do que representan os orzamentos da Xunta durante seis anos”. Unha cifra á que habería que sumar, agregou, as do “espolio enerxético” que sofre Galiza, que no 2023 exportou o 47 % da enerxía eléctrica que produce “sen que iso supoña absolutamente ningún beneficio para Galiza”. Recalcou, ademais, que o 41 % do aforro dos galegos e das galegas serve para impulsar proxectos económicos fóra do País.
De aí a importancia de que Galiza teña a chave do seus cartos e o BNG reclame a soberanía fiscal e, no máis inmediato, o modelo de concerto económico similar ao do País Vasco ou o que vai ter Cataluña, apuntou Prado, subliñando que “Galiza non pode ser menos” nin renunciar a ter máis recursos para a sanidade, o ensino ou as políticas sociais, tal e como pretende o PP, con Alfonso Rueda á cabeza, ao que advertiu da súa responsabilidade de que Galiza quede rebaixada á condición de rexión.
“Rueda pon por diante os intereses do PP e a estratexia de Feijóo para chegar á Moncloa e renuncia a negociar un modelo de financiamento mellor para Galiza; non quere que o País teña máis recursos para servizos públicos, non lle preocupa que perdamos millóns de euros nin quere que se reduza a débeda da Xunta, tal e como negociou o BNG”, considerou a responsábel de Formación e deputada.
A campaña que desenvolverá o BNG incluirá as iniciativas no Parlamento galego, así como no Congreso e no Senado e nos concellos. Haberá ademais numerosos actos e reparto de información “ao longo e ancho do País” para levar á rúa o debate sobre o financiamento. A campaña arrancará este mesmo sábado, día 5, cunha xornada formativa que se vai desenvolver en Teo e na que intervirán expertos en financiamento, entre eles o viceconselleiro de Facenda do Goberno Vasco, Iñaki Alonso Arce.