BNG empraza á Xunta e ao goberno central a colaborar cos concellos para reparar os danos provocados polas riadas

Mondariz-Balneario
Mondariz-Balneario

Bará denunciou a “desaparición” do Goberno do PP fronte uns danos que afectaron a numerosos concellos do País e emprazou ao Goberno do PP a empregar os fondos de continxencia dos Orzamentos para facer fronte aos danos

Adiantou que o BNG presentará no Parlamento varias iniciativas encamiñadas á reparación dos desperfectos derivados dos asolagamentos

O BNG esixiu ao Goberno do PP e ao goberno central que colaboren coas administracións locais para reparar os danos provocados polas recentes riadas. Ademais, esixiu á Xunta empregar os fondos de continxencia dos Orzamentos do 2023 para reparar os danos, cun forte impacto nos concellos do sur da provincia de Pontevedra.

O portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, desprazouse xunto con cargos locais do BNG á localidade de Mondariz Balneario e a Salvaterra, Ponteareas e Mondariz, concellos da comarca do Condado e do Baixo Miño que son a “zona 0 das inundacións”, declarou. O deputado do BNG quixo coñecer de primeira man os efectos das riadas e demandou á Xunta “que compareza, porque está desaparecida nesta catástrofe”.

Mondariz-Balneario
Mondariz-Balneario

Bará demandou do Goberno do PP, ademais, unha labor de “coordinación” co resto de administracións públicas e “que se poña en contacto cos concellos afectados, as deputacións e o goberno central”.

Neste sentido, emprazou á Xunta a empregar os fondos de continxencia dos Orzamentos para reparar os desperfectos nos bens municipais e privados danados polas riadas, entre os que se atopan xoias de grande valor patrimonial, como a propia Fonte do Troncoso, en Mondariz Balneario, e estradas, pontes, sendas e infraestruturas deportivas e infantís.

“A Xunta non pode estar ausente nestas circunstancias”, concluíu, adiantando que o BNG presentará no Parlamento unha serie de iniciativas encamiñadas á reparación dos danos polos recentes asolagamentos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG