A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun almorzo de traballo no Círculo de Empresarios de Galicia (CEG) onde trasladou as propostas do BNG para Galiza nun momento político excepcional e aproveitou para coñecer de primeira man as preocupacións do sector empresarial vigués.
“Analizamos a situación económica en Galiza e puxemos en común diferentes propostas, constatando a preocupación polo deterioro do mercado laboral, en particular polos baixos salarios e a precarización, así como e a necesidade de poñer en marcha un modelo económico que teña na formación, no I+D+i e no peche dos ciclos produtivos os seus piares”, salientou a portavoz nacional.
Pontón salientou que tanto Vigo como o conxunto do país “saen moi tocados” da crise que, no caso da cidade olívica, fixo que perdera 10.000 empregos desde 2009. É necesaria unha nova estratexia económica que debe empezar a deseñarse nos orzamentos de 2018. Unhas constas públicas que a dirixente do Bloque tildou de “insuficientes” e que é necesario modificar no debate e tramitación parlamentaria a través da presentación de emendas.
No caso de Vigo, avanzou que as propostas do BNG estarán encamiñadas a facilitar a creación de emprego e a mellorar a dotación de servizos públicos na cidade. Neste sentido, Pontón avanzou unha emenda aos orzamentos para destinar 2,5M€ á creación dun centro de reparación naval na primeira cidade galega, -“unha oportunidade para crear emprego nun sector que padeceu a crise económica pero tamén os cambios a nivel mundial”, explicou-.
Igualmente, o Bloque presentará vía enmeda un plan de reindustrialización para Vigo e Sur de Pontevedra dotado de 3,35M€. En materia de dotación de infraestruturas sociais, a portavoz nacional adiantou que solicitará vía emendas a creación dunha escola infantil no barrio de Navia, dos de maior puxanza demográfica de toda a cidade.
A dirixente nacionalista recolleu as preocupacións do empresariado en relación ao momento actual que está a vivir o Estado e Galiza e, sobre todo, o seu interese en facer unha aposta seria pola educación, pola innovación, por apoiar aos sectores estratéxicos e pola diversificación económica. En definitiva, “por poñer en marcha todos os elementos que permitan crear emprego e romper coas fraxilidades que ten a base económica galega e asentar un modelo de crecemento que reverta na sociedade”, explicou Pontón, nun encontro no que tamén participaron os responsables locais do BNG, Serafín Otero e Manuel Caride.
A portavoz nacional tamén transmitiu ao sector empresarial representado no CEG a proposta do BNG, formulada ao presidente da Xunta e ao resto das forzas políticas, de crear unha ponencia parlamentaria para deseñar un novo status institucional do país, desde a convicción de que Galiza non pode asistir como mera espectador a o que será o debate máis importante en décadas. A formación nacionalista plasmou no documento Bases Democráticas a súa posición de como deixar atrás o lastre do réxime do 78, e propón esa ponencia como fórmula para o debate político e social.