BNG denuncia o veto do PP a unha iniciativa para impulsar ás portas do 8-M unha sanidade adaptada á realidade das mulleres

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado empraza o PP a poñerse as “lentes lilas” na atención á saúde   abandonando argumentos “terraplanistas” que negan evidencias científicas

Critica os nesgos de xénero que se manteñen na atención sanitaria e pide políticas para impulsar a igualdade na diagnose, formación ou investigación

A deputada do BNG Montse Prado lamentou o veto do PP a unha iniciativa que tiña por obxectivo impulsar, ás portas do 8-M, unha sanidade adaptada á realidade das mulleres, “para que as nosas necesidades deixen de ser invisíbeis e cambiar o rumbo da desigualdade que sufrimos tamén neste eido”, asegurou. Lamentou, ademais, os argumentos “terraplanistas”  utilizados polos PP para rexeitar a iniciativa, negando “evidencias científicas” que aconsellan “planificar, coordinar e impulsar unha estratexia para a atención integral á saúde das mulleres”.

“Os prexuízos machistas atinxen a todas as áreas da vida, e a medicina e a saúde non están exentas”, advertiu Prado, que na defensa da iniciativa do BNG emprazou os e as deputadas do PP a poñerse as “lentes lilas” para dende a Xunta pór fin aos nesgos de xénero no sistema sanitario. Nesgos que afectan dende a diagnose até a formación, a investigación ou a atención clínica.

Referiuse, neste sentido, ás diferencias no xeito de enfermar, de manifestar síntomas, de sentir dor, de metabilizar fármacos ou na resposta inmunolóxica, que non é a mesma nas mulleres que, ademais, sofren patoloxías específicas. Como exemplo, subliñou que a día de hoxe, e malia todas as evidencias científicas existentes, é normal escoitar falar a un profesional da cardióloxía falando dos síntomas dun infarto sen mencionar os que son propios das mulleres.

Os síntomas máis coñecidos do infarto agudo de miocardio, explicou, son os máis frecuentes nos homes, como a dor ou a opresión precodial, que irradia ao brazo, mais nas mulleres poden presentarse outros sinais, como o malestar dixestivo ou dor que irradia á mandíbula que, se non son detectados, atrasan o diagnóstico, poñendo en risco a vida das mulleres.

Prado subliñou ademais que na investigación sanitaria o prototipo segue a ser un home, adulto e en idade reprodutiva e que, na formación que reciben os e as profesionais,  non se contempla o suficiente as diferencias por xénero, por exemplo, sobre as formas de enfermar ou sobre doenzas que afectan só as mulleres ou que teñen máis prevaleza neste colectivo, como a fibromialxia, a endometriose ou a osteoporose.

Criticou, neste punto, que hai xa máis dunha década que, a iniciativa do BNG, o Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa para poñer en marcha medidas para a atención á endometriose “e practicamente non se avanzou nada”.

Máis psicofármacos e menos probas diagnósticas

“Podemos falar da diferente sintomatoloxía no cancro de pulmón, ou que, segundo algún estudo, as mulleres estamos infradiagnosticadas en aproximadamente setecentas patoloxías”, engadiu Montse Prado, que quixo poñer tamén o acento no sobrediagnóstico que sofren as mulleres no caso das enfermidades mentais. “Cando acudimos a Atención Primaria por cansazo e malestar as mulleres temos máis posibilidades de saír da consulta con psicofármacos mentres que os homes, nunha porcentaxe máis elevada, saen con petición de probas diagnósticas”, destacou.

Coa súa iniciativa o BNG reclamou a creación dunha Unidade de Muller e Saúde, dependente da Consellería de Sanidade e a través da cal establecer liñas prioritarias de investigación en saúde da muller, incorporar o enfoque de xénero en todo o proceso de formación dos e das profesionais sanitarias e garantir a abordaxe de xénero na atención á saúde.

Establecer indicadores de xénero nos protocolos de autorización e validación de ensaios clínicos, crear liñas de investigación que afectan ou teñen mais prevalencia nas mulleres, garantir como mínimo igual representación de mulleres e homes nos ensaios clínicos ou realizar estudos para coñecer a actuación dos tratamentos en canto a eficacia e seguridade son algunhas das medidas concretas incluídas na iniciativa.

A proposta do BNG  pasa tamén pola atención específica a patoloxías como a endometriose e a fibromialxia, con plans de detección precoz, campañas de divulgación ou unidades específicas. Así mesmo, apóstase por garantir o proceso de atención e acompañamento á muller vítima de violencia de xénero, polo reforzo da Atención Primaria para prestar unha atención sexual e reprodutiva de calidade ao logo de todo o seu ciclo vital, por mellores rateos matrona-muller ou, entre outras medidas, por crear máis unidades de chan pélvico.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG