BNG denuncia a saturación da atención primaria e a insuficiencia de rastrexadores en plena 5ª onda COVID19

Deputación permanente
Deputación permanente

Luz verde á comparecencia do conselleiro de Sanidade solicitada polo Bloque, na que Prado avanza que pedirá explicacións pola “sospeitosa” auto-cita para as persoas entre 16 e 19 anos

Reclama que o PP desautorice ao alcalde de Sanxenxo polas súas críticas “mesquiñas” ao persoal sanitario, cando fai un traballo excepcional

Luz verde á comparecencia do conselleiro de Sanidade no Parlamento solicitada polo BNG, para explicar as medidas do Goberno en plena quinta onda, co 65% da poboación en situación de risco alto ou moi alto e en plena escalada de contaxios, sen un sistema eficiente de rastrexo e coa atención primaria saturada.

Prado fixo unha explicación polo miúdo das cuestións que xustificaban a comparecencia do titular de Sanidade. Empezando polos datos da pandemia, dous de cada tres galegos e galegas están con restricións altas, a cifra de novos positivos diarios disparada, -18.885 no día de hoxe-, cun nivel de incidencia a sete días por riba da media estatal e cun nivel de positividade que triplica a rateo da OMS para considerar controlada a pandemia.

Neste sentido, avanzou que o Bloque vai pedir ao titular de Sanidade que explique como é posible que, 16 meses despois de pandemia, Galiza non conte cun sistema eficaz de rastrexo, cando é unha ferramenta clave para detectar e frear contaxios.

“É inaudito que sigamos sen suficientes rastrexadores e se derive esa función a unha atención primaria sobrecargada ou se tente suplir esa deficiencia coa autoxestión nos test de antíxenos por parte da cidadanía.16 meses de pandemia e atopámonos con que a Xunta  aínda non conta cun sistema de rastrexo eficiente”, denunciaba Prado na súa comparecencia.

Un sistema de rastrexo deficiente en medios, que ademais funciona de xeito “caótico, errático, e sen coordinación”, como demostran as constantes denuncias da poboación, “de tal xeito que persoas que dan positivo pasan días sen que ninguén se poña en contacto con elas, mentres outras se confinan por propia iniciativa ante a falta de resposta da Administración”, argumentou a deputada.

Outra cuestión que Prado avanzou formará parte das explicacións que o BNG pedirá a Julio García Comesaña é a “sospeitosa e irresponsable” auto-cita aberta pola Xunta a mozos e mozas de entre 16 e 19 anos o mesmo día en que o xefe do Executivo comparecía asegurando que non había vacinas para a xente nova.

“Como se fixo unha auto cita para vacinar a xente moza o mesmo día que Feixóo anunciaba que non había antídoto para ás persoas máis novas, por que esa franxa de idade concreta e non unha convocatoria a toda a xente moza?”, son algunhas das interrogantes que o BNG levará ao Pleno. E, neste asunto, a posición da formación nacionalista é que se axilice o proceso de vacinación da mocidade en lugar de criminalizala.

Igualmente, o Bloque insiste na urxencia de reforzar a sanidade, moi en particular, á atención primaria, cuns profesionais “exhaustos” e uns cadros de persoal aínda máis reducidos do habitual polas vacacións de verán, período que, por contra, aumenta o número de persoa usuarias. “Primaria atópase nuns niveis de saturación inadmisibles, en particular nos concellos de aumento da poboación polo turismo”, recalcou Prado.

Colapso en urxencias

E neste contexto, a portavoz de Sanidade advirte contra un posible colapso do servizo de urxencias, como recurso para salvar a espera de días e mesmo de semanas nos centros de saúde. O Bloque abordará igualmente a cuestión do financiamento da sanidade, agora que xa está aprobado o teito de  gasto para os orzamentos de 2022.

Prado aproveitou a sesión parlamentaria para reclamar ao PP unha desautorización expresa das “mesquiñas” declaracións do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, criticando aos profesionais da sanidade, en particular do PAC de Baltar, asegurando que “desatendían o seu traballo por facer política”.

“Demandámoslle ao PP que defenda a profesionalidade do persoal do SERGAS, e polo tanto desautorice a Martín e lle esixa unha rectificación e respecto para o labor que realizan”, reclamou Prado, tras recalcar o esforzo do persoal dese centro: “Non teñen mans para máis, xa que no centro de saúde de Baltar tres médicos de familia están facendo o traballo de dez”.  “De non esixirlle esa rectificación o PP e a Xunta estarán avalando o seu proceder o que nos parece gravísimo”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG