parlamento galego

BNG denuncia o retraso da Xunta do PP na resolución das axudas deste ano destinadas o alugamento de vivenda

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández critica a “indefensión e vulnerabilidade” das persoas que agardan pola axuda nun contexto de incremento desmedido de prezos

A portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández,  denuncia a demora que acumula a Xunta do PP na tramitación das axudas convocadas este ano para alugueiro, o que está a provocar unha “situación de incerteza e desasosego” entre as persoas que agardan pola resolución e que, a estas alturas do ano, nin tan sequera saben se van contar con esa subvención nin cando se lles vai pagar.

“Nun contexto de incremento de prezos desmedido, en que moitas persoas dependen directamente destas axudas para poder facer fronte ao pago das súas rendas e manter a súa vivenda, a Xunta dilata prazos e xera maior indefensión e vulnerabilidade das persoas”, asegura a deputada nacionalista, que lembra, neste sentido, que dende 2022 a hoxe o prezo medio dos alugamentos en Galiza pasou de 438 a 533 euros, e que en cidades como A Coruña o incremento foi de 620 a 658 dende 2023 até a actualidade.

Segundo explica Fernández, o prazo para solicitar estas axudas abriuse o 15 de xaneiro e rematou o 29 de febreiro, podendo a Xunta iniciar a tramitación dos expedientes dende o primeiro día, pois as peticións teñen que xestionarse de forma cronolóxica, é dicir, conforme van entrando no rexistro. Tal e como se indica na orde das axudas, a  Administración galega dispón de tres meses para ditar e notificar a concesión das axudas e das súas prórrogas.

Tendo en conta isto, denuncia que xa transcorreron seis meses dende a apertura do prazo de solicitude e que son numerosas as persoas que están denunciando que aínda non recibiron notificación algunha, o que está xerándolles en moitos casos unha gran inquedanza porque, en primeiro lugar, descoñecen se a súa petición foi estimada, e tamén porque non hai constancia de se os fondos da Xunta para estas axudas ao aluguer xa se esgotaron.

“Iso supón que a máis tardar o 29 de maio tiñan que estar todas as solicitudes resoltas, pero estamos a finais de xullo e a xente comeza a desesperarse agardando sen noticia algunha de que pasa coa súa solicitude”, reproba a deputada, que cualifica de “desastrosa” a tramitación das axudas, o que fai que estean “chovendo queixas”.

Ademais, as persoas solicitantes “descoñecen se deben asumir ese silencio administrativo como un rexeitamento da solicitude ou se deben atribuílo a un retraso da propia Xunta”, critica a portavoz de Vivenda, que subliña que “tendo en conta que non é a primeira vez que a Xunta de Galiza fai unha pésima xestión das axudas, a inseguridade é maior”.  Lembra, neste sentido que “tan só uns días despois das eleccións, milleiros de mozos e mozas recibiron un SMS no que se lles notificaba que fora rexeitada a súa petición das axudas de dous anos atrás”. “É outra vez xogar coa vida das persoas”, sostén.

É por todo isto que a deputada reclama non só a notificación senón tamén o pago inmediato das axudas, fundamentais en moitos casos para as economías familiares dos solicitantes. Con este propósito, o BNG vén de presentar no Parlamento unha iniciativa na que insta ao Goberno do PP a comprometerse a “resolver, notificar e, de ser o caso, realizar o pagamento  das axudas ao aluguer habitual no prazo máximo de tres meses dende o ingreso das solicitudes no prazo máximo de tres meses”.

Na mesma iniciativa, asinada por Alexandra Fernández, o BNG pide á Xunta unha maior transparencia na xestión e que presente un informe no Parlamento onde se detallen, cando menos e expediente por expediente, “a data de entrada da solicitude, a data e o sentido da resolución, a data de notificación ao solicitante e a data e importe do pagamento” .

Alexandra Fernández refírese á tramitación das axudas ao aluguer, contempladas no plan estatal, como unha mostra máis de a Xunta do PP “nin pon en marcha políticas propias para frear os prezos do aluguer nin cumpre sequera coas medidas de mínimos”.  Reclámalle así ao Goberno de Rueda a posta en marcha de políticas activas que axuden a frear a escalada de prezos, como a limitación do uso turístico dos inmobles, a declaración de mercados tensionados ou a mobilización de vivendas baleiras, “competencias todas que recaen no Goberno galego”, conclúe. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG