O deputado do BNG Iago Tabarés denunciou que o Grupo Popular “segue coa súa estratexia de impedir o funcionamento da Comisión de Investigación sobre os chanchullos do PP”, creada co obxectivo de que os galegos e as galegas coñezan a verdade sobre o sobreprezo de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e os contratos menores e de emerxencia da pandemia asinados para favorecer a empresas afíns.
Tabarés, representante do BNG na ponencia que ten que elaborar as conclusións da comisión unha vez rematada por imposición do PP a fase de comparecencias, fixo estas declaracións para denunciar que non foi chamado en tempo e forma á reunión que o PP pretendía celebrar hoxe, nun intento máis por dar carpetazo o antes posible á comisión.
“Non houbo convocatoria algunha para a reunión da ponencia”, explicou o deputado do Bloque, que vén de rexistrar un escrito dirixido á Mesa da Comisión de Investigación para solicitar á presidencia deste órgano a convocatoria da reunión da ponencia “respectando as formalidades e os prazos regulamentariamente establecidos”.
“O PP continúa na liña de impedir o normal funcionamento da Comisión pasando por riba as normas máis elementais do funcionamento desta Cámara”, subliñou o deputado nacionalista, que lembra ademais que o BNG xa anunciou a presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional dadas as imposicións e vetos do PP no órgano parlamentario creado para pór luz sobre as irregularidades na contratación pública da Xunta, ao entender que se están a vulnerar os dereitos fundamentais dos deputados e deputadas.