O viceportavoz do BNG, Luís Bará, acusou o PP de faltar á verdade e manobrar para non negociar o plan de traballo na comisión de investigación, deixando claro que “non ten ningunha vontade de falar” e que a súa única intención é “intentar vetar as comparecencias”. Ademais, Bará reivindicou o reparto por cotas do plan traballo, como se fixo tradicionalmente noutras comisións parlamentarias de investigación.
“O que pon de relevo esta actitude do PP é a súa incomodidade a respecto do obxecto e o contido desta comisión de investigación, e a intención de vetar que esta comisión cumpra cos seus fins”, subliñou.
Bará fixo estas declaracións de maneira urxente despois do sucedido durante o Pleno deste mércores, no que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, lle negou a palabra tras ser aludido polo portavoz do PP e interlocutor na comisión, Alberto Pazos Couñago, quen acusou ao BNG de retrasar os trámites na comisión de investigación.
Bará asegurou que foi el como representante do BNG quen se dirixiu ao portavoz popular o martes da semana pasada para propoñerlle falar do plan de traballo. Segundo o deputado nacionalista, ambos quedaron en volver falar esta semana, o luns ou durante o Pleno. Mais o luns, os populares decidiron convocar para o martes a mesa da comisión, sen respectar o prazo legal de 48 horas. A mesa, que ten que negociar o plan de traballo, tivo finalmente que ser convocada para este xoves.
“Iso xa deu a entender que o PP non tiña moita intención de chegar a ningún acordo”, considerou Bará, explicando ademais que o PP presentou un escrito para tramitar por urxencia a convocatoria dunha reunión da comisión, “supoñemos que queren facer este próximo venres”, engadiu.
O deputado nacionalista cualificou de “bastante chamativa” esta maniobra do PP, porque “deixa claro que non ten ningunha vontade de falar”. “De feito -engadiu- perdéronse todos estes días para poder facelo”.
Bará insistiu en que o BNG quere que esta comisión “sexa útil” e que se recollan as achegas que fixeron todos os grupos ao plan de traballo, onde se recollen os comparecentes que teñen que pasar pola comisión. Subliñou, neste sentido, que “esta foi unha práctica que sempre se fixo nas comisións de estudo e de investigación, mesmo chegando a establecerse cotas dos grupos para poder presentar propostas que non fosen coincidentes”.
“Non nos van amedrentar nin nos van calar e imos utilizar todos os medios dentro da comisión de investigación e tamén fóra dela para poñer de relevo todas as irregularidades e todos os chanchullos da Xunta do Partido Popular”, advertiu.
Preguntado polos medios de comunicación sobre a decisión do presidente da Cámara de non darlle a palabra, o viceportavoz do BNG asegurou ter claro que “é consecuencia do rifirrafe da semana pasada do señor Santalices e a señora Paula Prado, de que chamaron ao presidente do Parlamento ao redil popular, á obediencia aos mandatos e a que atenda, non a súa función institucional de presidente do Parlamento, senón ao ditado do Partido Popular”.
Bará considerou “moi grave” o sucedido e anunciou que o BNG presentará unha queixa formal ao respecto.