Cara a cara coa Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda claridade e transparencia sobre todo o relacionado coa autoestrada A-6 que conecta Galiza coa meseta tras o colapso dun dos seus viadutos á altura do Castro. Rego consegue arrincar o compromiso do Ministerio para realizar unha auditoría de todas as infraestruturas similares nas autovías galegas, mais critica que o Goberno non anunciase os prazos de execución para o arranxo da ponte. Durante a interpelación tamén demandou estudar solucións de comunicación alternativas que se deberán empregar mentres se leve a cabo a reparación sen que cause maior prexuízo para as persoas usuarias da vía.
O pasado martes, 7 de xuño, o viaduto localizado na autoestrada A-6 no quilómetro 431 en sentido A Coruña, á altura do Castro, esborrallábase de maneira estrepitosa. Afortunadamente, o colapso desta infraestrutura non causou vítimas, pois levaba un ano pechado ao tráfico polos danos detectados e estaba en proceso de reparación. Tras o derrubamento, foi fechado tamén o viaduto xemelgo por un período indeterminado, para revisar que non existan deficiencias tamén nesa vía e piares similares.
“Constitúe o primeiro caso no Estado español de que unha infraestruturas destas características colapse e, a pesar disto, a reacción do Ministerio foi escurantismo, falta de información, falta de axilidade e, sobre todo, desinterese” afirma o deputado durante a interpelación. De facto, Rego reprochou á Ministra que o único cargo que na altura visitou Pedrafita fose o Director Xeral de Estradas, frente á visita organizada polo BNG, xunto con Coalición polo Bierzo, á que acudiron o propio deputado nacionalista, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil.
“Parece que este non era un asunto importante para o MITMA, a pesar de que cortaba unha das vías fundamentais de comunicación da Galiza coa península e provocaba dificultades enormes á circulación e especialmente ao transporte de mercadorías, co encarecemento dos custos de produción das empresas galegas” subliña Rego.
“Non aclaran se houbo un problema no deseño do proxecto -e por tanto, responsabilidade do Ministerio- ou se foi un problema de execución que, nese caso, a responsabilidade recaería nas empresas encargadas da construción” afirma Rego. Dato a destacar é que na construción desta infraestrutura foi empregado un procedemento construtivo novo no Estado español, que se estreaba nas autovías galegas. “Mais hai tamén indicios de posíbeis responsabilidades na execución das obras, que sufriron atrasos e modificacións sobre a marcha” subliña.
Un informe realizado en 2003, e publicado na Revista de Obras Públicas, alertaba de que nalgún dos tramos construídos, en concreto o que colapsou, se optou por “levar ao límite as posibilidades de prefabricación, obtendo estruturas moi esveltas, cun importante aforro de material”. O informe continúa relatando que, na construción dos distintos tramos “empregáronse todo tipo de solucións, desde as máis industrializadas, construíndo viadutos case integramente con elementos prefabricados, até casos non vistos até a actualidade, con estruturas prefabricadas para as dúas calzadas con luces de 75 m”. A estes datos súmaselle que durante a construción se optou por un importante aforro de material.
“Reclamamos que se realice unha auditoría completa de todos os viadutos e túneles da A-6 e da autoestrada das Rías Baixas, infraestruturas que se realizaron no mesmo espazo temporal e se executaron con métodos similares” explica o deputado nacionalista. Así mesmo, quere coñecer o calendario que manexa o Ministerio para levar a cabo a reparación da infraestrutura e recuperar o uso desta autovía fundamental para Galiza, petición que non respondida pola Ministra de Transportes durante a interpelación.
Da mesma maneira, Rego reclama levar a cabo algún tipo de investigación por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para coñecer o que realmente aconteceu nesta autoestrada e depurar responsabilidades: “tanto se foi culpa do Goberno como se existiron erros nos labores na fase construtiva”.
Conexión das empresas construtoras coa corrupción
“As empresas encargadas de realizar a obra, a través de contrato público, ACS e FCC apareceron relacionadas en diversas ocasións en tramas de corrupción en diferentes áreas do mundo. Sen saír da Galiza, estas dúas compañías foron sinaladas en 2006 polo antigo xerente do PP galego, Modesto Fernández, como doadoras do Partido Popular” lembra o deputado. Segundo as informacións que Modesto Fernández facilitou durante o proceso de investigación a Luís Bárcenas, foron entregadas cantidades ao PP por parte de FCC, 108 mil euros, e tamén por parte de ACS, 60 mil euros.
Concretamente, o ex presidente desta última compañía na altura, José Mayor Oreja, irmán do Ministro do Interior no Goberno de José María Aznar, recoñeceu en sede xudicial ter efectuado pagamentos ao Partido Popular.
Rematar coa discriminación da Galiza en materia ferroviaria
“As conexións coa Galiza sempre foron unha materia pendente dos distintos Gobernos do Estado. As infraestruturas chegan tarde, con décadas de atraso, cando chegan, mais agora ademais atopámonos con obras deficientes que, tan só vinte anos despois da súa inauguración, colapsan” denuncia Rego. Este “mal endémico” que sofre a Galiza por parte dos diferentes gobernos do Estado español -tanto dá se goberna o PP ou o PSOE-, aconteceu na construción das autovías galegas, coa chegada do AVE á Galiza, coa modernización ferroviaria ou agora mesmo coa execución do Corredor Atlántico, do que só vai executado 5% do orzamento.
Da mesma maneira sucede coa media de execución orzamentaria. “Mentres que Galiza alcanza a modesta cifra de 67.2% dos orzamentos de 2021 -que xa eran os máis baixos en 17 anos-, os investimentos en Madrid aproxímanse a 184%, é dicir, ao remate do exercicio a Madrid proporciónanselle partidas que case dobran as inicialmente orzamentadas mentres que na Galiza non se executa o previsto” asevera.
Rego reprochou a Raquel Sánchez que tardase 10 días en visitar a zona. “Con certeza, se isto tivese acontecido en Madrid, tería feito a visita de forma inmediata. “Señora Ministra, cumpran os seus compromisos, deixen de mirar ao redor ou só cara ao leste e preocúpense de executar as obras pendentes no noso País. Neste momento, especialmente aquilo que reclamaba na miña primeira intervención: solución rápida para recuperar o acceso por autovía e auditoría para garantir a seguridade plena das persoas que a utilizan” conclúe Rego.