O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia o veto do Goberno a 18 emendas da formación nacionalista relativas á modificación de tributos, suba das pensións mínimas, aumento do salario dos empregados públicos, eliminación da Taxa de Reposición de Efectivos, incorporación da indemnización nos contratos predoutorais ou evitar a dupla imposición ao emigrantes retornados. Rego lembra que emendas similares foron debatidas e votadas no ano pasado e considera “profundamente antidemocrático” o comportamento do Goberno de coalición PSOE-Podemos.
Entre as emendas vetadas están as que defenden a baixada do IVE a 4% para os servizos esenciais (electricidade, auga, gas…), os produtos de hixiene feminina, os produtos culturais ou os pesqueiros. Tamén a que propón que os salóns de peiteados e imaxe persoal recuperen o IVE reducido de 10%, que estivo preto de ser aprobada no ano pasado e que previsibelmente o sería este ano, dada a mudanza de posición de algunhas formacións.
O Goberno veta tamén a proposta de subir as pensións mínimas até equiparalas ao Salario Mínimo Interprofesional, cuestión que o BNG considera fundamental para reducir as fendas de xénero e territorial, pois hai que lembrar que as mulleres teñen a pensión media máis baixa e a Galiza as segundas pensións máis baixas do Estado español.
Entre as propostas que o Goberno non permitirá que sexan debatidas está tamén a subida en 5% do salario dos empregados públicos ou a incorporación da indemnización nos contratos predoutorais, una vella reivindicación das persoas que traballan no ámbito da investigación para acabar coa precarización e a discriminación deste colectivo.
Aliás, tamén foron vetadas as emendas que propoñen modificar o IRPF para evitar a dupla tributación dos emigrantes retornados ou para eliminar o diferente limiar de declaración con un ou dous pagadores, o que, para alén de afectar este colectivo, tamén o fai a todas as persoas que estiveron en ERTE ou que en razón da precariedade existente tiveron máis de un contrato de traballo.
O Goberno tamén non quere que sexa debatida a proposta do BNG de eliminar a Taxa de Reposición de Efectivos, que permitiría acabar coa precarización dos servizos públicos, resolver o problema do abuso de temporalidade e aumentar o persoal necesario en servizos esenciais como a sanidade ou a educación.
Rego sinala que o argumento de “diminución de ingresos” ou “aumento do gasto” non pode ser “coartada para una práctica profundamente antidemocrática, que consiste en furtar o dereito a debater propostas fundamentais para mellorar as condicións de vida de cidadáns e cidadás, particularmente das clases populares” e lembra que o BNG tamén ten rexistrado una emenda para incrementar o imposto de patrimonio progresivamente a partir de un millón de euros.
“A nosa proposta para aumentar o imposto de patrimonio e gravar máis as grandes fortunas iría compensar sobradamente a baixada do IVE -un imposto non progresivo- en produtos esenciais, mais parece que o Goberno de coalición de PSOE e Podemos non están por facer políticas fiscais redistributivas, que favorezan os traballadores e traballadoras e as clases populares”, salienta Néstor Rego.
O deputado nacionalista anunciou que o BNG xa dirixiu un escrito de queixa á Mesa do Congreso para solicitar que reclame ao Goberno a reconsideración destes vetos antidemocráticos e que defenda o dereito da cámara a debater e votar todas as emendas presentadas.