O portavoz de Enerxía e Minaría do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Golpe, denunciou irregularidades no parque eólico de Barqueiro, que xuntamente co parque eólico Badulaque, forman un conxunto de explotación da enerxía eólica altamente lesivo para a poboación e o medio no área de implantación.
O deputado do BNG sinalou que “as autorizacións de construción están condicionadas”, é dicir, están dando unha autorización de construción a un proxecto incompleto. Un feito que vai en contra da normativa, xa que non se pode condicionar un proxecto ata que estea finalmente aprobado.
No pasado mes de xuño, Golpe xa denunciara que a documentación técnica estaba carga de erros. A documentación exposta publicamente “é un cúmulo de despropósitos”, incluso con erros dentro da localización dos aeroxeradores. “Porque se non é un erro, non entendemos como poden situar máquinas de 200 metros de altura a 122 metros de distancia dunha vivenda habitada” salientou.
Manifestación social en contra
Este proxecto recibiu unha forte resposta social. O deputado nacionalista sinalou o rexeitamento unánime da poboación directamente afectada, auto organizada en varias plataformas que “están a loitar dignamente por defender as súas propiedades, o seu modo de vida”.
“Son estes veciños e veciñas as que denuncian o xeito de operar dos axentes de permisos sen escrúpulos, que non dubidan en mentir, ameazar e chantaxear aos propietarios máis débiles para que asinen os precontratos” advertiu.