O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Golpe, levou á Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo o parque eólico Barqueiro, que xuntamente co parque eólico Badulaque forman un conxunto de explotación da enerxía eólica, altamente lesivo para a poboación e o medio no área de implantación.
O deputado do BNG denunciou que, por unha banda a documentación técnica está carga de erros e pola outra, nas publicacións do Boletín Oficial do Estado, vemos que a tramitación aínda está incompleta. Finalmente temos a loita veciñal, que se auto organiza para defender o seu modo de vida.
A documentación técnica exposta publicamente “é un cúmulo de despropósitos”, incluso con erros dentro da localización dos aeroxeradores. “Porque se non é un erro, non entendemos como poden situar máquinas de 200 metros de altura a 122 metros de distancia dunha vivenda habitada” salientou.
Non son casos illados, Xosé Manuel Golpe explicou que son moitas as posicións que están por debaixo dos 1.000 metros, que sería a distancia indicada na Lei de Acompañamentos 18/2021, e varias por debaixo dos 500 metros que se exixían no texto orixinal da Lei 8/2009 pola que regula o aproveitamento eólico en Galiza e crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Ademais denunciou as eivas graves que existen na documentación técnica e a ausencia de representación gráfica do trazado das liñas de media tensión que a afectan a fincas privadas.
Este proxecto recibiu unha forte resposta social. O deputado nacionalista sinalou o rexeitamento unánime da poboación directamente afectada, auto organizada en varias plataformas que “están a loitar dignamente por defender as súas propiedades, o seu modo de vida”.
“Son estes veciños e veciñas as que denuncian o xeito de operar dos axentes de permisos sen escrúpulos, que non dubidan en mentir, ameazar e chantaxear aos propietarios máis débiles para que asinen os precontratos” advertiu.