A deputada do BNG, Noa Presas trasladou unha pregunta ao goberno relativa ao que cualificou como “ecobarrio fantasma” da Ponte en Ourense ante o incumprimento da promesa da Xunta, do ano 2018, para mellorar a vida e usos enerxéticos da cidadanía.
Tras a resposta do director xeral de Planificación enerxética, Pablo Fernández Vila que recoñeceu que a “Xunta non pode remar soa” no proxecto porque non conta coa colaboración do concello, Noa Presas ironizou replicando que parece que o PP non estivo presente no concello desde o ano 2018.
Para a nacionalista “estamos ante unha nova promesa incumprida dun goberno que “lle toma o pelo a Ourense” comezando polo presidente Rueda que tras reunirse co alcalde, Gonzálo Pérez Jácome, volve a insistir nas mesmas promesas e demostrando descoñecer os verdadeiros problemas de Ourense. Rueda non quere referirse aos “deberes incumpridos do PP” sobre o transporte metropolitano, a plantación de árbores ou un CIS que xa existe en Lugo e Lalín mentres en Ourense permanece en “dique seco” ao igual que os novos centros de saúde.
O PP e Rueda á cabeza, recalcou a deputada, demostran o seu descoñecemento cando se refiren como estudar o soterramento da avenida Otero Pedrayo cando meteron o proxecto no caixón ocupando a alcaldía, Jesús Vázquez e xa gastaron 3 M€ en 2 rotondas e 2 fontes, e agora a cidadanía de Ourense temos que conformarnos pensando que “Jámome e Rueda son moi listos e os demais somos idiotas”.
O PP, reprobou a nacionalista, está especializado en “mentir “ e omitir as promesas incumpridas, entre as que destacou “0 residencias públicas para maiores financiadas pola Xunta, 0 escolas infantís”.
Sobre o ecobarrio preguntou cantos recursos van executados e que reprogramación está prevista porque “ían investir en eficiencia enerxética 20 millóns de euros e resultou ser falso, crear 300 postos de traballo, outra falsidade, e abrir unha oficina do ecobarrio, de novo falso porque o único que fixeron foi iluminar a Chavasqueria e 8 pasos de peóns”.
A deputada lembrou que no ano 2021 nunha comparecencia, naquel momento, da directora de planificación enerxética, Paula Uria anunciaba a realización de
estudos técnicos (que, por certo, non foron remitidos a este Parlamento), un estudo de eficiencia enerxética sobre a flota de autobuses, a iluminación da contorna da chavasqueira e iluminar dous pasos de peóns. Pasaron dous anos e medio e “nin oficina nin avances”.
A deputada concluíu a súa intervención afirmando que esta é “outra oportunidade perdida” para transformar a vidas das persoas que alí viven e que unha vez máis, séntense “enganadas” coa promesa de impulsar “o presunto ecobarrio”.
Cal é a execución orzamentaria do ecobarrio que ía impulsar en Ourense xa no ano 2020, que proxectos reais están en funcionamento, que previsións económicas manexa a Xunta para a súa reprogramación, que fondos europeos se van a destinar e porque aínda non existe a oficina anunciada? volveu a repreguntar a nacionalista.