congreso

BNG denuncia a inacción do Goberno ante a deficiente cobertura móbil en diversas zonas do concello de Tomiño

Encontro Tomiño
Encontro Tomiño

Néstor Rego e Sandra González reclaman ao Goberno do Estado solucionar o problema de cobertura que está a lastrar a vida da veciñanza das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín, así como o desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial

Comprométense a seguir traballando até conseguir que todas as parroquias do termo municipal teñan garantida a cobertura móbil, a través de novas iniciativas no Congreso e a campaña de recollida de sinaturas

A frente nacionalista traslada á veciñanza afectada pola deficiente cobertura no concello do Baixo Miño os innumerábeis trámites e iniciativas rexistradas para resolver o problema

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de actuacións por parte do Goberno do Estado para solucionar os problemas de cobertura que padecen amplas zonas do concello de Tomiño. A frente nacionalista, após recibir a resposta do executiva á iniciativas rexistradas na cámara baixa, critica a pasividade do executivo por non atender a unha situación que está a dificultar gravemente as comunicacións da veciñanza de Tomiño, así como o desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial da zona. Alén do máis, comprométense a traballar até conseguir que todas as parroquias do termo municipal teñan garantida unha cobertura móbil adecuada, co rexistro de novas iniciativas no Congreso e a recollida de sinaturas.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a alcaldesa de Tomiño e candidata do BNG á alcaldía, Sandra González, mantiveron unha reunión coa veciñanza dalgunhas das parroquias afectadas pola deficiente cobertura de telefonía: Sobrada, Currás e Amorín. Durante a xuntanza, os cargos do BNG explicaron as diversas iniciativas realizadas co obxectivo de solucionar os problemas de cobertura que padecen amplas zonas do concello de Tomiño. Así mesmo, tamén visitaron a empresa de deseño gráfico do Grupo Acanor, localizada no termo municipal, para coñecer de primeira man a súa actividade e os problemas que a deficiente cobertura supón para o desenvolvemento da mesma.

Pola súa parte, Sandra González, destacou o traballo realizado durante os últimos anos desde a alcaldía para conseguir unha solución. A través de innumerábeis trámites, o goberno municipal emitiu reiterados escritos a distintos cargos das operadoras de telefonía, así como á Subdelegación do Goberno de Pontevedra e á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais presentando o problema. “Mesmo comunicamos o mapa de zonas escuras de cobertura do termo municipal e enviamos toda a información á Xunta de Galiza, á FEGAMP e á Valedora do Pobo da Galiza” engade a candidata do BNG á alcaldía de Tomiño. Con todo, todas as accións realizadas polo goberno municipal, encabezado por Sandra González, continúan sen resposta por parte das diferentes administracións responsábeis.

Por outra parte, o Bloque Nacionalista Galego tamén rexistrou iniciativas no Congreso para coñecer as actuacións que o Goberno do Estado estaba a realizar para solucionar o problema. “A sorpresa é que o executivo, alén de non ter prevista actuación ningunha, parapétase en que a prestación dos servizos de telecomunicacións no Estado atópase liberalizada. É dicir, que son os diferentes operadores de telefonía quen deben estabelecer as condicións de mercado e o despregamento das redes e demais medios técnicos” denuncia o deputado do BNG no Congreso.

Néstor Rego recrimina a actitude pasiva do Goberno do Estado ante o deficiente servizo de telefonía móbil pola baixa cobertura que afecta a distintos núcleos de poboación do termo municipal de Tomiño, así como a inexistencia de axudas, proxectos e partidas específicas para os casos de especial situación por atoparse nunha localidade transfronteiriza. “A resposta do Goberno do Estado só contempla un programa de axudas chamado UNICO 5G Redes Activas, de 500 millóns de euros e financiado con fondos Next Generation. Axudas para os operadores, que serán os actores que decidan onde despregar as infraestruturas precisas para a prestación deste tipo de servizos” explica.

Mais estas subvencións, financiadas cos fondos europeos Next Generation da Unión Europea, só están destinadas a municipios de 10.000 habitantes. “O Goberno debe atender as características propias da Galiza, como o caso de Tomiño, onde a dispersión da poboación é un elemento central e, na actualidade, aínda existen parroquias con problemas de cobertura e que están a lastrar a vida da veciñanza” demanda Rego. Unha situación que dificulta gravemente as comunicacións de todas as persoas da zona, así como o desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial.

Por último, a frente nacionalista comprométese a seguir traballando para conseguir solucionar o problema de cobertura móbil e que todas as parroquias de Tomiño, así como o conxunto do rural galego, teñan garantido este servizo. “A través da campaña de recollida de sinaturas que o BNG de Tomiño está a levar a cabo ou mesmo co rexistro de novas iniciativas no Congreso para demandar ao Goberno do Estado mude os criterios de poboación, atenda á realidade galega e se poida solucionar o problema obrigando a que as operadoras a ofrezan cobertura en todo o territorio” finda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG