BNG denuncia a exclusión das axudas de Educación do alumnado de E-dixgal que tamén ten que mercar libros de texto

Cristina Fernández
Cristina Fernández

Cristina Fernández Davila reclama á Consellería que modifique xa este curso as bases da convocatoria de axudas do Fondo Solidario de Libros

Critica que o PP prefira destinar os cartos públicos a subvencionar cruceiros que apoiar ás familias que máis o precisan nun contexto de crise de prezos   

A deputada do BNG Cristina Fernández Davila denunciou a “dicriminación” no acceso ás axudas dos alumnos e as alumnas que estudan nun instituto adherido ao programa de educación dixital E-Dixgal e que, pese ao uso das novas tecnoloxías, teñen que mercar igualmente libros de texto. Segundo asegurou, o importe dos libros que as familias deste alumnado teñen que custear de xeito íntegro pode chegar aos 275 euros, dependendo do curso da ESO.

É por iso que a deputada do BNG reclamou, durante a formulación dunha pregunta ao Goberno do PP na comisión 4ª, que a Consellería de Educación modifique as bases da convocatoria de axudas do Fondo Solidario de Libros de Texto co fin de rematar con esta “discriminación”, para que as familias afectadas poidan solicitar este mesmo curso unha axuda proporcional.

Segundo explicou Fernández Davila, para que un centro de secundaria poida participar en E-Dixgal é necesario que todo o alumnado reciba en modalidade dixital un mínimo de seis materias -que elixe o instituto- en todos e cada un dos cursos de ESO. En moitos dos IES, as seis materias escollidas para implementar o proxecto xa non empregaban libros de texto, e algunha delas ten só unha ou dúas horas a semana. Desta forma, o alumnado precisa libros de texto para o resto das materias que, agregou a deputada, soen ser Bioloxía e Xeoloxía, Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés e Francés.

Actualmente, a orde que regula o Fondo Solidario de Libros e das axudas para adquisición de manuais exclúe como beneficiarios aos estudantes en centros educativos incluídos no E-Dixgal, o que supón unha “discriminación económica” entre o alumnado e as familias, denunciou.

“O E-Dixgal ben implementado pode ser unha ferramenta positiva ao alcance de todo o alumnado, que pode axudar a promover a educación e a romper a fenda dixital existente en moitas familias”, precisou a deputada do BNG, que considerou, sen embargo, que o impulso deste programa debe compatibilizarse co uso do fondo solidario de libros de texto para que non haxa un “desequilibrio na distribución equitativa dos recursos educativos”.

Fernández Davila lamentou que a Consellería de Educación desatenda ás familias afectadas e reclamou á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, unha “rectificación” xa este curso. Criticou, neste sentido, que o Goberno de Alfonso Rueda prefira destinar os cartos públicos a subvencionar cruceiros ou a bonificar con 200 euros a mozos de calquera parte do Estado que fagan o Camiño que que a axudar ás familias que máis o precisan nun contexto de crise pola suba dos prezos.  
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG