Parlamento Galego

BNG denuncia a “escolla ideolóxica” do Goberno do PP para beneficiar á concesionaria na construción do Álvaro Cunqueiro

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado nega que a Xunta non puidera continuar coa licitación iniciada polo Bipartito debido á regra de gasto porque esta non se activou ata 2010

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montse Prado, denunciou na comisión de investigación a “escolla ideolóxica” do Goberno do PP para beneficiar á empresa concesionaria na construción do Álvaro Cunqueiro, ao decidir non continuar co proceso de licitación que xa tiña “moi avanzado” o Executivo de coalición PSOE-BNG e poñer en marcha un novo proceso mediante concesión conxunta da construción e dos servizos non clínicos que supuxo, segundo o Consello de Contas, un sobrecusto de 470 millóns para as arcas públicas. 

Prado advertiu logo da súa comparecencia ao director xeral de Recursos Económicos do Sergas entre 2009 e 2014, Pablo Tomás Arrojo, que a Xunta si podía continuar coa licitación iniciada polo anterior Executivo en 2009 porque, en contra do que mantén o PP, a regra de gasto que impedía o cómputo de máis débeda pública non entrou en vigor ate 2010.

Iago Tabarés
Iago Tabarés

“Por iso vostedes correron e en catro días fixeron toda a adxudicación, para que non lles collera o decreto de maio do 2010 do Goberno central, no que xa non estaba o Partido Popular, e non ter que pedir informes ao Ministerio”, reprochou a deputada nacionalista, quen recordou que si se construíron polo procedemento tradicional de licitación nesa mesma época centros hospitalarios como o Universitario de Asturias ou o de Cartaxena.

A portavoz de Sanidade do BNG acusou ao Executivo do PP de retardar e non seguir co proceso de licitación que xa estaba en marcha para “poder dicir que esa era a única forma de facelo” cando, en realidade, “era a única forma de entregarlle os recursos dos galegos e das galegas a unha empresa concesionaria, unha UTE liderada por Acciona, en mans de Florentino Pérez”.

De igual xeito, Prado afeou ao PP que se escudase no impacto que tería a licitación tradicional sobre o gasto corrente do Sergas, cando o informe do Consello de Contas de 2014 recollía que o gasto corrente do Servizo Galego de Saúde xa quedara comprometido “polos canons elevadísimos” que a Xunta estableceu “para pagar a construción do hospital de Vigo e todos os servizos concedidos a maiores”, reprochou a Tomás Arrojo, a quen se referiu como “o privatizador”, xa que chegou ao Sergas para facer o que xa viña facendo en distintos hospitais do Estado, “privatizar servizos na sanidade pública”.

Comparecentes que son vítimas da estratexia de opacidade do PP

O deputado Iago Tabarés foi, pola súa parte, o encargado de intervir en representación do BNG, tras a comparecencia de Alberto Fernández Villar, xefe de Servizo de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro ao que se referiu como “vítima dunha estratexia que non conduce á transparencia nin ao obxectivo desta comisión e moito menos da sanidade pública”.

Tabarés referiuse así aos vetos do PP ás peticións feitas polo BNG tanto no que respecta a comparecentes como a documentación sobre os contratos menores e de emerxencia que son obxecto de estudo dunha comisión que foi creada grazas aos 25 deputados nacionalistas. “Lamento sinceramente que ante a escaseza de médicos e de médicas que hai, teña que estar aquí, porque o seu tempo realmente sería moito máis prezado no seu quefacer habitual”, díxolle Trabares ao comparecente, que na súa intervención recoñeceu que foi citado polo Parlamento para falar do que considerase de interese e que o seu traballo non está relacionado nin cos contratos menores nin de urxencia nin tampouco co sobrecusto de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro, os temas obxecto de investigación nunha comisión que o PP quere baleirar de contido. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG